Do transbordador con 6.000 pasaxeiros ao mes ao “Xacobeo Transfer” con menos de mil: Rueda inaugura a nova mobilidade na foz do Miño

Rueda na inauguración da nova embarcación do servizo 'Xacobeo Transfer' entre A Guarda e Caminha CC-BY-SA Xunta de Galicia

Portos de Galicia mantén avariado desde hai máis dun ano o embarcadoiro da Guarda, o que mantén paralizado o ferry e levou á Xunta a implantar embarcacións de menor tamaño orientadas aos peregrinos

Tras anos de constante declive por todo tipo de obstáculos naturais e melloras noutras infraestruturas de comunicación, o último ano enteiro en funcionamento antes da pandemia da COVID do transbordador da foz do Miño, entre Caminha e A Guarda, o 2019, rexistrou un total de 71.683 pasaxeiros, 16.548 automóbiles ou autobuses e 4.441 motos ou bicicletas. Paralizado o transbordador desde hai máis dun ano polas obras que ten pendentes de rematar Portos de Galicia no seu embarcadoiro da Guarda, a Xunta decidiu paliar a desaparición do servizo con outras embarcacións de menor tamaño orientadas principalmente, aínda que non só, aos peregrinos que realizan o Camiño Portugués da Costa. Pero se o transbordador movera en 2019 unha media de 6.000 pasaxeiros ao mes, os sete meses que leva en servizo a alternativa da Xunta deixan un balance duns mil pasaxeiros ao mes.

Transbordador paralizado á espera das reparacións de Portos de Galicia no seu embarcadoiro da Guarda © Câmara Municipal de Caminha

Foi a propia Xunta a que este luns puxo cifras ao que denomina Xacobeo Transfer, o servizo alternativo ao transbordador “que desde a súa posta en marcha en abril permitiu a máis de 7.000 usuarios de 40 países cruzar entre A Guarda e Caminha (Portugal) a través do río Miño”. Un balance que ofreceu coincidindo coa inauguración por parte do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, dunha nova embarcación que mellorará as prestacións das lanchas de menor tamaño que ata o de agora viñan ofrecendo ese servizo en ausencia do transbordador.

A nova embarcación, con 12 prazas, dobra en capacidade ás que a Xunta puxo en servizo o pasado abril, meses despois de quedar inutilizado o seu embarcadoiro para o transbordador

Tras meses sen ferry á espera de que Portos de Galicia dese cunha solución para reparar o seu embarcadoiro, foi en abril cando a Xunta lanzou, en colaboración coa Asociación Galega de Actividades Náuticas, un servizo en lanchas de menor tamaño orientado a peregrinos pero que tamén pode empregar calquera cidadán. Daquela o Goberno galego anunciara que tiña a intención de ampliar a capacidade a medio prazo coa posta en servizo dun barco eléctrico de maior tamaño, e iso foi o que inaugurou este luns Rueda. 

Anterior barco eléctrico co que a Xunta comezou en abril a prestar o servizo orientado a peregrinos CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo a Xunta, “a nova embarcación, con 12 prazas, dobra en capacidade ás que xa están operativas e, ademais de ser sustentable, incorpora servizos moi demandados polos usuarios, como espazo para bicicletas ou para as mochilas dos peregrinos”.

Á espera do que a nova embarcación poida mellorar o servizo, este aínda non deu alcanzado as cifras de pasaxeiros rexistradas polo antigo transbordador. Se aquel ferry tamén podía mover vehículos de gran tamaño, os seus horarios estaban condicionados ás mareas ante os obstáculos de España e Portugal para dragar ese treito do río Miño. Pola contra, o novo servizo da Xunta, de menor calado, ten uns horarios fixos, pero baixo reserva. Isto é, se hai demanda, sae da Guarda cara a Caminha ás 9, 10, 11, 12, 13, 15, 16, 17 e 18 horas, e no sentido contrario media hora despois de cada unha desas horas en punto.

Nos extremos da imaxe, tirada desde o monte Santa Trega, os embarcadoiros da Guarda e Caminha, e o anterior ferry facendo un recorrido non directo para evitar os bancos de area do río CC-BY-SA Praza Pública

No comunicado de prensa divulgado este luns nada di a Xunta sobre a reparación pendente no seu embarcadoiro da Guarda e polo tanto da volta ao servizo do transbordador histórico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.