Menos de trinta euros. É o que chegou a ter Laboratorios Nupel na súa conta corrente en días en que, por outra transferencia, chegaba a sumar máis de 300.000 euros. O extracto de conta da farmacéutica, incluída no sumario da Operación Campeón, recolle numerosos movementos monetarios en tres contas: a de Nupel, a de Covaluma e Investigation Consultory & Management. Estas dúas últimas supostas provedoras dos laboratorios, e cuxas facturas foron usadas por Dorribo para xustificar o crédito de preto de tres millóns de euros que recibiu do Banco Europeo de Investimentos (BEI). Dáse a circunstancia que estas supostas provedoras de material, servizos e obras non só recibían transferencias e pagarés de Nupel, senón que tamén lle facían ingresos ao laboratorio que, supostamente, contrataba os seus servizos.
No momento en que Nupel xustificaba en que investía a subvención europea, as contas asociadas ás tres empresas se repartiron grandes sumas de diñeiro entre elas
Unha contabilidade cando menos creativa que botaba man da xestión online para escapar do control dos traballadores da oficina bancaria (La Caixa). Os investigadores enviados pola xuíz Estela San José á sucursal de Nupel entrevistaron á directora da oficina. "E normal un movemento nas contas como este?". "Non", respondeu. Matizou, en todo caso, que os movementos en conta realizados no portal online non son supervisados diariamente. Aí xogou Dorribo. Como? En xullo de 2011, despois de que Dorribo demostrase con facturas o 'bo destino' da subvención do BEI, membros de Aduanas entraron na oficina 4822 de Caixabank (antiga La Caixa) en Lugo para preguntar por unha inusual actividade frenética nas contas de tres empresas: Nupel, ICM e Covaluma.
Os investigadores averiguaron que, en menos de quince días e no momento en que Nupel xustificaba en que investía a subvención europea, as contas asociadas ás tres empresas se repartiron grandes sumas de diñeiro entre elas. O 28 de marzo de 2011, por exemplo, ICM fixo unha transferencia a favor dos laboratorios por valor de 400.000 euros. ICM era, non obstante, provedora de material para Dorribo. Con eses cartos o empresario lucense realizou dúas transferencias: as dúas para outra conta de Nupel baixo o concepto de "transferencia urxente". Esa mesma semana Nupel pediu que se lle formalizara un segundo tramo dese préstamo por valor de máis de 1,5 millóns de euros.
O proxecto "mundial"
O proxecto de Dorribo era ambicioso. Segundo el mesmo indicou na solicitude do préstamo ao Igape (con fondos do BEI), non había no mundo unha proposta desas características. "Ningunha empresa ou multinacional na data de hoxe, logrou un produto semellante ao que Nupel está desenvolvendo neste proxecto, co seu produto estrela, o cal está patentado coa estreita colaboración do departamento de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela". Nupel adicou moitas páxinas a xustificar non só as bondades do proxecto de unidose, senón o seu éxito inmediato.
A estrutura de financiamento de Nupel semella estar deseñada como unha pirámide
O grao de apalancamento era moi elevado en 2010. A débeda financeira representaba o 50% dos seus recursos propios e, malia todo, esperaban multiplicar por dez o fondo de manobra da compañía. Isto é, pasar de algo máis de 600.000 euros en 2011 a máis de dez millóns en 2014. Un crecemento exponencial da actividade da firma que pretendían lograr ao amparo dun crédito blando xestionado polo Igape.
Endebedamento
Nas contas de 2008 Laboratorios Asociados Nupel aparece como unha compañía con moita débeda financeira, cun pasivo a curto prazo de case 14 millóns de euros. No mesmo exercicio, e tal e como consta no sumario, Nupel tiña 64 contratos de leasing (arrendamento de bens con opción a compra) cunha gran cantidade de empresas de crédito. Dorribo subscribiu contratos de leasing para disfrutar de coches de alta gama: Porche Cayenne, Porche Turbo Ama, Maserati, Rolls Royce, Ferraris, iates... E material de oficina e camións de transportes, que tamén adquiría mediante o sistema de leasing. En base á documentación recabada polos investigadores, a estrutura de financiamento de Nupel semella estar deseñada como unha pirámide, con débeda e participacións de investidores que sustentan un proxecto deseñado ex novo para contar co financiamento do BEI.