Eliminadas dúas entidades que optaban a xestionar un centro de menores da Xunta tras cometeren un erro documental idéntico

Un dos cuartos do centro de menores de Montealegre antes da última reforma Dominio Público Imaxes facilitadas aos contratistas pola Xunta

O paso á xestión privada do centro de menores de Montealegre, en Ourense, segue a avanzar mentres medran as incertezas sobre o proceso. Montealegre vai reabrir como espazo de atención residencial a nenas e nenos con problemas de conduta seis anos despois de que a Xunta o pechase para, aínda como centro de menores con medidas xudiciais, realizar reformas que inicialmente ían durar uns 8 meses. Os traballos realmente prolongáronse máis de media década e custaron uns 2 millóns de euros públicos aos que se engaden outros 3,2 para a privatización da xestión. A esa concesión optaron de inicio cinco entidades de Madrid, Murcia e Sevilla pero xa só quedan tres na carreira. As outras dúas foron eliminadas por cometeren senllos erros documentais idénticos na presentación das súas ofertas.

O pasado 13 de abril a mesa de contratación da Consellería de Política Social encargada desta axudicación reuniuse para avaliar a documentación técnica que estas organizacións e empresas presentaran, o contido do denominado "sobre B". Tres delas -Asociación para Gestión e Integración Social (GINSO), Diagrama Intervención Psicosocial e Asociación para el Desarrollo y la Integración Social- achegaran toda a documentación técnica requirida. As outras dúas tamén, pero ademais incluíron en cadanseu sobre "información relativa ao número de efectivos que se porá á disposición do programa e que este supera o número de persoal mínimo establecido" nas condicións do propio contrato.

O PSdeG advertiu de que unha das entidades que segue no proceso foi sinalada como suposta vía de financiamento irregular do PP de Madrid e as outras dúas, "implicadas" en casos de "maltrato" ou "explotación dos traballadores"

Dado que estes datos de persoal deberían estar incluídos noutra parte da oferta -o "sobre C"-, a mesa de contratación tivo que celebrar unha nova xuntanza ao respecto seis días despois para "examinar exhaustivamente a documentación". Nese encontro constataron que a Asociación Dianova España e Consulting Asistencial Sociosanitario S.L., ambas de Madrid, incluíran no sobre da documentación técnica a súa oferta de "incremento de persoal mínimo esixido", información que "deberái estar reflectida na proposición económica". Isto implica un incumprimento das condicións do concurso e, daquela, ambas foron excluídas do proceso.

Foi así como chegaron á valoración das ofertas técnicas, celebrada este 23 de abril, só as devanditas tres entidades que si cumpriron os requisitos documentais. Despois da valoración a que obtivo máis puntos é GINSO, sobre a que o PSdeG advertira hai escasas semanas que se trata da entidade sinalada por Francisco Granados, ex-número dous de Esperanza Aguirre en Madrid, como vía de financiamento irregular do PP nesa comunidade mediante facturas falsas dentro da trama Púnica. Ademais, resaltara a deputada socialista Noela Blanco, esta mesma organización xestiona un centro "denunciado polo Consello de Europa por esposar, atar e illar menores", alertas lanzadas tamén por antigos traballadores.

Valoracións obtidas polas tres entidades que continúan no proceso tras as dúas exclusións

A segunda e terceira oferta mellor colocada nesta fase do concurso foron as da murciana Diagrama e da andaluza Asociación para el Desarrollo y la Integración Social. Ambas foran tamén obxecto de advertencias pola mesma deputada do PSdeG xa que, afirmou no Parlamento, estiveron "implicadas en casos de malos tratos" ou "explotación dos traballadores". Todos estes, advertira Blanco, eran motivos máis que dabondo para que Montealegre quede na súa nova etapa "na xestión pública". Mentres, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, resaltou que estas entidades e empresas traballan en diversas comunidades autónomas, tamén "con gobernos socialistas".

Logotipos das dúas entidades excluídas da contratación para xestionar Montealegre CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.