Curmá de Feijóo e funcionaria de carreira, Núñez foi nos seus gobernos xerente do Sergas en Ourense e Santiago ata o seu cesamento en maio
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este luns os "meritos" de Eloína Núñez, curmá de Alberto Núñez Feijóo e ata maio xerente do Sergas en Santiago, para ser recolocada polo seu Goberno como subdirectora xeral na Consellería de Política Social, nun posto de libre designación. Para Rueda "é unha funcionaria que tivo postos de responsabilidade importante e polo tanto atesorou unha experiencia importante tamén".
Eolína Núñez Masid, médica de carreira, foi concelleira do PP en Ourense e comezou a ocupar postos de xestión no Sergas en 1996. En 2009, coa chegada do seu curmán á presidencia da Xunta, foi nomeada xerente do complexo hospitalario de Ourense, do que pasaría á xerencia do de Santiago ata o pasado maio. Nese posto foi responsable da planificación de contratos que acabaron recaendo en Eulen, empresa da que é delegada no noroeste Micaela Núñez Feijóo, curmá súa e irmá do ex-presidente. Uns contratos polos que a oposición pide explicacións á Xunta tras elevar o propio Feijóo o limiar do que resulta ou non sopeitoso para familiares de cargos públicos. [O foco de Feijóo sobre o que pode facer a familia dun presidente acaba virando contra a súa].
Este luns Galiciapress avanzou que Núñez Masid vai ser subdirectora xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia na Consellería de Política Social. Un posto, o de subdirectora xeral, que é de libre designación de entre o persoal funcionario por parte do Goberno galego. Ante esta situación, Rueda foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns sobre que destacaría da súa figura para poñela por riba doutros posibles candidatos ao posto.
Rueda xustifica que Núñez Masid "tivo postos de responsabilidade importante e polo tanto atesorou unha experiencia importante tamén"
Rueda respondeu que "no caso desta persoa e no caso de calquera, creo todo o mundo ten dereito a optar a postos". O presidente salientou de Eloína Núñez que é "unha funcionaria que tivo postos de responsabilidade importante e polo tanto atesorou unha experiencia importante tamén". "Seguro que había outros candidatos posibles, pero seguro tamén que ten os méritos para esta designación, que non deixa de ser un posto reservado a persoal funcionario", engadiu Rueda, que rematou asegurando que Núñez Masid ten "experiencia dabondo para poder ocupar este posto".
Nas últimas semanas tamén foron recolocados en Augas de Galicia como subdirectores xerais, postos de libre designación, o ex-conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas Agustín Hernández e o ex-director xeral de Mobilidade Ignacio Maestro.