Quen foi director xeral con Fraga e conselleiro con Feijóo, que o recolocou como alcalde de Santiago e despois como presidente do Consello Económico e Social (CES), é funcionario do corpo facultativo superior de enxeñeiros
Agustín Hernández, ex-conselleiro e ex-alcalde de Santiago, foi na pasada década e media un dos rostros políticos máis relevantes do país. Ata o pasado setembro, que cesou como presidente do Consello Económico e Social (CES), o principal órgano consultivo da Xunta e cuxa presidencia supón un dos soldos máis altos da autonomía. Funcionario de carreira, este mércores apareceu en público nun acto da conselleira de Medio Ambiente en Carballo no que presentou actuacións fluviais contra asolagamentos.
Pero Hernández non estaba entre as autoridades senón que o seu papel era o do técnico que explica a actuación aos políticos, o que permitiu saber que tras a súa saída do CES agora é subdirector xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas en Augas de Galicia.
Agustín Hernández (Madrid, 1961) chegou a Galicia con 25 anos e foi ascendendo na Xunta, no eido das obras hidráulicas, ata ser nomeado director xeral de Obras Públicas con Manuel Fraga entre 1998 e 2005. Durante o Goberno de PSdeG e BNG pasou pola Deputación de Pontevedra e en 2009 Feijóo, do que foi un estreito colaborador na oposición, fíxoo conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, posto no que estaría ata 2014. Durante os seus mandatos como director xeral ou conselleiro, entre outras actuacións, planificáronse e executáronse as autovías con peaxe en sombra nas que o Consello de Contas detectou hai uns meses todo tipo de irregularidades.
Hernández deixou a Xunta en 2014 cando en plena crise do goberno local do PP en Santiago Feijóo decidiu que el, malia ir no derradeiro posto da lista nas anteriores eleccións municipais, fose o encargado de suceder na alcaldía a Ángel Currás, que á súa vez sucedera a Gerardo Conde Roa.
Nas locais de 2015 non logrou repetir na alcaldía e permaneceu liderando a oposición a Compostela Aberta ata 2019, cando tras non lograr novamente o obxectivo do partido Feijóo compensouno coa presidencia do Consello Económico e Social. Durante o seu mandato o pleno do principal órgano de representación social e consulta da Xunta emitiu algúns informes especialmente críticos coa Xunta.
Hernández deixou o CES o pasado setembro, substituído polo ex-alcalde de Vigo Manuel Pérez, e tras reincorporarse ao seu posto como funcionario foi nomeado subdirector xeral e xa foi incluído como vogal nun tribunal de estabilización laboral en Augas de Galicia.
Malia a súa orixe madrileña, Hernández sempre se significou polo uso e defensa da lingua galega, como verbalizou nunha entrevista con Praza.gal polo 40 aniversario do Estatuto de Autonomía. Unha conversa na que amosaba a súa esperanza en que Galicia sexa quen de "rachar polo camiño polo que vai, envellecida pola falta de futuro para a mocidade".