Alberto Núñez Feijóo non comparecerá no Parlamento de Galicia para explicar de xeito monográfico por que tanto el mesmo como a ex-conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, xustificaron o impulso da Xunta á fusión de Caixanova e Caixa Galicia esgrimindo unha "auditoría" da consultora KPMG que "avalaba" a operación cando realmente o informe, polo que a Xunta pagou arredor dun millón de euros, "en ningún caso" era unha auditoría nin "recomendaba" que ambas entidades se fusionasen. Despois de que un dos autores dese estudo reiterase no Congreso o que xa evidenciara oralmente e por escrito hai cinco anos, o PP vetou este martes a comparecencia que toda a oposición reclamaba. O presidente terá, non obstante, que falar do asunto por iniciativa de En Marea e BNG.
Ante o xa anunciado bloqueo á comparecencia por parte dos populares, que consideran a esixencia de explicacións un "irresponsable" exercicio de "arqueoloxía" parlamentaria oito anos despois da fracasada fusión e cando xa transcorreron cinco anos dende que transcendera por primeira vez que a suposta auditoría non era tal, os grupos parlamentarios que encabezan Luís Villares e Ana Pontón trasladarán a cuestión á sesión de control ao presidente. O PP, censura Villares, teima na "mordaza e ocultamento de información", agora para "impedir" que o presidente teña que explicar polo miúdo por que "mentiu", acusa.
Luís Villares: "Prestámoslle a carteira a un mentireiro e perdeu 8.600 millóns de todos os galegos"
"Estamos fartos das mentiras do presidente da Xunta", sinalou Villares ao remate da Xunta de Portavoces da Cámara, amosando ante a prensa o comunicado no que, o 20 de xaneiro de 2010, o Goberno galego asegurou que a "auditoría" encargada a KPMG "avalaba" a fusión. Feijóo xa tivo que "recoñecer" ao seu xeito que o dito "era mentira", sinala o voceiro de En Marea, o que implica que "lle prestamos a carteira a un mentireiro" quen "perdeu 8.600 millóns de todos os galegos e galegas", en referencia ao importe do rescate de Novagalicia Banco que non foi recuperado.
Ana Pontón: "A falsificación dun máster provocou a caída de Cifuentes e aquí o PP pretende que metamos o lixo por baixo da alfombra
Tamén Pontón avanzou que empregará a sesión de control para preguntar a Feijóo "por que mentiu e enganou a toda Galiza" empregando unha "auditoría pantasma para xustificar unha decisión que custou 9.000 millóns de euros" públicos para "rescatar unhas entidades vendidas despois a prezo de saldo". Nesa pregunta -que, segundo fontes parlamentarias, incomodou os representantes do PP na Xunta de Portavoces pola súa redacción- a líder do Bloque advertirá tamén de que o seu grupo está a estudar accións legais ao respecto para valorar se puido existir "un delito de falsidade documentale prevaricación".
O PP ve "irresponsable" a petición de comparecencia, que asinaba toda a oposición, e atribúea á vontade de "xerar confusión" sobre a unión das caixas
"Acabamos de ver como a falsificación documental dun máster provocou a caída de Cristina Cifuentes en Madrid" e "ante unha suposta falsificación dunha auditoría que nos fixo perder 9.000 millóns de euros e as caixas de aforro, o PP pretende que metamos o lixo por baixo da alfombra", afirma a líder nacionalista. "Que lles quede claro: imos facer todo o que estea nas nosas mans para chegar ao fondo e airear as alfombras das mentiras e corruptelas de Feijóo", advirte Pontón.
Despois de que tamén o PSdeG lamentase o "veto" do PP á solicitude de comparecencia formulada por toda a oposición o voceiro conservador, Pedro Puy, atribuíu a petición, "fondamente irresponsable" ,a unha vontade dos tres grupos da esquerda por "abrir procesos de debate absolutamente afastados da realidade para introducir algún tipo de confusión" sobre a fusión das caixas. Neste contexto, Puy resalta que o informe de KPMG foi "un dos oito que dixeron naquel momento que a fusión era viable" -aínda que é o único sufragado pola Xunta" e "está neste Parlamento dende hai varios anos". Nomeadamente, dende 2013 cando, reprocha, "foi entregado aos medios, incumprindo as normas", di en referencia á decisión de facelo público por parte do antigo grupo de AGE.
Francesc Gibert, executivo de KPMG coautor do informe sobre a fusión, no Congreso dos Deputados