En Marea esixe a Sánchez reiniciar o traspaso de competencias a Galicia e lembra que precisa os seus votos nos orzamentos

Díaz conversa coa ministra Batet no Congreso en presenza de Gómez-Reino CC-BY-SA En Marea

O pasado xullo cumpríuse o décimo aniversario das ata agora últimas transferencias de competencias do Goberno de España ao Goberno galego, aprobadas co PSOE na Moncloa e a coalición de PSdeG e BNG na Xunta. Nese mes os representantes de En Marea no Congreso dirixíronse por carta á nova ministra de Política Territorial, Meritxell Batet, para pedirlle unha xuntanza como primeiro paso do desbloqueo do autogoberno galego tras unha década de parálise. Dous meses despois esa misiva aínda non tivo resposta e este mércores, aproveitando a comparecencia de Batet para informar a Cámara Baixa dos seus primeiros encontros coa Generalitat de Catalunya, a formación instou o Executivo central a iniciar xa os traspasos a Galicia coa inminente negociación orzamentaria como pano de fondo.

O Goberno de España non transfire competencias á Xunta dende hai dez anos

"Catalunya é importante, pero Galicia é igual de importante como país e como nación", resumiu ao respecto o voceiro de quenda de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino. "Os cinco votos de En Marea" contribuíron a "facer presidente a Pedro Sánchez con total lealdade e sen condicións" e por iso, afirma, "teñen que responder ás demandas de Galicia de igual forma, sen escusas e con lealdade". Segundo Gómez-Reino, a formación integrada no grupo de Unidos Podemos "espera" que nas vindeiras semanas esta reivindicación "teña cumprida resposta por parte do Goberno socialista", toda vez que os de Sánchez precisan dos seus votos para sacar adiante as contas de 2019.

A solicitude de xuntanza formulada por En Marea á ministra Batet o pasado xullo aínda non tivo resposta: "Catalunya é importante, pero Galicia é igual de importante como nación", afirman

Ao inicio da comisión de Política Territorial na que compareceu Batet a ministra foi interpelada informalmente pola tamén deputada Yolanda Díaz. "Pasaron xa dous meses dende que transmitimos a carta" e "eu mesma lle transmitín" a necesidade de abordar o que denomina "axenda galega do cambio". Segundo Díaz "non nos gustaría que esa falta de contestación se converta nun conflito político", se ben non descarta que isto suceda se "non observamos ningún avance".

Neste sentido, En Marea coida que as negociacións teñen que comezar por eidos nos que existe un "consenso" practicamente total en Galicia, caso da transferencia da AP-9 que o Goberno de Rajoy vetou de xeito reiterado. Pero tamén, aseguran, toca falar de "presenza de Galicia na UE" para abordar directamente asuntos como a nova Política Agraria Común, as competencias transfronteirizas e o "relanzamento" do Consello das Linguas Oficiais, órgano paralizado dende 2010. "No nos gustaría converter isto nun conflito político", reitera Díaz. No entanto, subliña, Sánchez debería lembrar que "temos cinco votos e estamos na antesala da negociación orzamentaria".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.