Entidades de Madrid, Murcia e Sevilla optan á xestión do centro de menores que a Xunta privatiza en Ourense

Un dos cuartos do centro de menores de Montealegre antes da última reforma Dominio Público Imaxes facilitadas aos contratistas pola Xunta

Dende finais do pasado febreiro a Consellería de Política Social está a tramitar a privatización da xestión do centro de menores de Montealegre, en Ourense. A instalación pública acollía menores de idade sometidos a medidas xudiciais ata que, na primavera de 2012, a Xunta o pechou para acometer traballos de reforma. O que ía ser un peche duns 8 meses tornou nunha suspensión de actividade durante máis de seis anos durante os que o Goberno galego investiu uns 2 millóns de euros en obras. Agora, con 3,2 millóns máis sobre a mesa, Política Social xa recibiu cinco ofertas para xestionar o centro cando reabra para atender menores con problemas de conduta: tres de entidades madrileñas, unha de Murcia e outra, de Sevilla.

As propias características do centro fan que legalmente só poidan optar á súa xestión entidades e empresas do terceiro sector, como as que compiten por este contrato. As tres ofertas chegadas dende Madrid foron rexistradas o 3 de abril, día límite para formulalas e son as da Asociación para Gestión de Integración Social, Asociación Dianova España e Consulting Asistencial Sociosanitario S.L. Previamente, o día 2, remitiu a súa oferta a Fundación Diagrama Intervención Psicosocial, de Murcia, e o mesmo día tres enviouna á Xunta a Asociación para el Desarrollo y la Integración Social, de Sevilla.

Unha das ofertas presentadas é da empresa sinalada pola oposición galega por estar a buscar persoal para un centro de menores en Ourense dende o pasado marzo

Todas estas entidades e compañías xestionan centros de menores de diferentes tipos en varias comunidades autónomas. No caso de Consulting Asistencial Sociosanitario, dáse a circunstancia de que foi a empresa sinalada polas forzas da oposición galega no Parlamento -opostas á privatización- porque, dende os primeiros días de marzo, está a ofertar no portal de ofertas de emprego Infojobs postos para un centro de menores na provincia de Ourense. Nomeadamente, reclama candidaturas para 20 vacantes de persoal educativo -xa se anotaron 758 persoas-, 10 de "monitores especialistas" -recibiu 266 ofertas- e 7 postos máis de cociña, auxiliares de servizos e mantemento -recibiron 79 solicitudes-.

Fragmento da acta da mesa de contratación que examinou as ofertas presentadas para xestionar o centro de Montealegre

Para En Marea, PSdeG e BNG esta anticipación na publicación de ofertas laborais por unha das empresas podería indicar que conta, de antemán, con ser a adxudicataria do contrato. Nomeadamente, a socialista Noela Blanco instou a Xunta a aclarar "como é posible" que existan estas ofertas antes da adxudicación e despexar a incógnita de se esta empresa recibiu "o boleto premiado da lotaría" da adxudicación. O PPdeG deu en insinuar que a parlamentaria socialista debería dimitir por lanzar esta acusación, mentres que a secretaria de Infancia da Xunta, Amparo González, asegurou que o procedemento de adxudicación será transparente e axustado á normativa.

Persoal médico como autónomo e límite legal á atención a doenzas mentais

A Xunta asegura que Montealegre atenderá problemas de saúde mental, aínda que a lei e o propio contrato limitan o ingreso de me nores a tratamento por esta causa

A entidade ou empresa que consiga o contrato para xestionar o centro de Montealegre poderá, en calquera caso, acollerse a cláusulas estipuladas pola Xunta en materia de persoal como contratar persoal médico, de enfermaría ou psiquiatría que traballe como autónomo ou seleccionar para labores educativos a persoas que non conten coa titulación de Educación Social, xa que os pregos de condicións do contrato non a esixen expresamente, o que xa motivou as protestas formais do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia

O persoal que seleccione a adxudicataria do contrato -está previsto que o proceso remate contra finais de mes- atenderá nenas e nenos con problemas de conduta previa orde xudicial, pero non acollerá sen limitacións "menores con problemas de saúde mental", tal e como asegurou no Parlamento a directora xeral de Infancia. Non en van, as propias condicións do contrato advirten ás adxudicatarias de que "non poderán ser ingresados" en Montealegre "menores que presenten enfermidades ou transtornos mentais que requiren tratamentos específicos en servizos de saúde mental", incorporando así a limitación vixente na lei de protección xurídica dos menores de idade.

Manifestación en 2012 en Ourense contra o peche do centro de Montealegre CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.