Errejón 'debuta' en Galicia coa promesa de "votar por un goberno progresista"

Intervención de Errejón no mitin de Más País na Coruña o 25 de outubro de 2019 CC-BY-SA MP

Íñigo Errejón xa interviñera en diversas ocasións en actos políticos en Galicia, como representante de Podemos en actos de En Marea previos ás eleccións xerais de 2015 e 2016 e na campaña dos comicios galegos daquel mesmo ano, entre outros. Este venres foi a primeira vez que o fixo como líder de Más País, a organización que impulsou sobre a base do partido co que concorreu ás eleccións madrileñas (Más Madrid) e que nas xerais do 10N concorre nas circunscricións da Coruña e Pontevedra.

No seu primeiro mitin en Galicia como líder do partido 'Más País', Íñigo Errejón cargou contra a "soberbia e irresponsabilidade dos dirixentes que nos levaron a segundas eleccións"

Combinando a súa marca estatal con outra lanzada nas últimas semanas, Máis Galicia, a formación apostou por un acto de formato mediano, no auditorio da ONCE na Coruña, onde Errejón compartiu protagonismo coas cabezas de lista das súas dúas candidaturas galegas, Carolina Bescansa (A Coruña) e Daniel Liceras (Pontevedra) para reiterar unha idea forza fundamental: o "desbloqueo". O seu novo partido, promete, é antónimo da "soberbia, incapacidade e irresponsabilidade dos dirixentes que nos levaron a segundas eleccións" e "estamos aquí para que iso non se volva repetir".

Bescansa intervén no mitin de Más País na Coruña CC-BY-SA MP

Segundo Errejón, se en algo coinciden as diferentes enquisas é en que "se a xente progresista sae votar, hai maioría progresista". E nesa conxuntura, promete, "todos os deputados de Más País van votar por un goberno progresista" e "non van permitir que as dereitas teñan unha terceira oportunidade". Porque PP, Ciudadanos e Vox "cada vez que suman, forman goberno", advirte.

Bescansa apela á necesidade de formar un goberno progresista para abordar problemas como o da térmica das Pontes

Da necesidade de "construír unha  maioría progresista" que se traduza na formación de goberno falou tamén Bescansa. "Nós non teriamos que estar aquí se os que tiñan a responsabilidade de escoitar a maioría progresista" que saíu das urnas o 28A "fixesen o seu traballo", reprochou. Deles, dixo en referencia a PSOE e Unidas Podemos, foi a "responsabilidade" de que "os nosos votos nas urnas fosen estériles".

Ambas formacións, asegurou, "antes de prometer nada" terán que "prometer como o van facer". Porque, "como van facer política se non hai goberno?". Sen Goberno, concluíu Bescansa, non é posible abordar problemáticas concretas como o futuro da térmica das Pontes ou a loita contra a corrupción. Segundo Errejón, só "a xente que ten a vida solucionada se pode permitir que España siga en bucle". Ambos afirman estar convencidos de que lograrán representación nas dúas circunscricións galegas nas que presentan candidaturas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.