EU presenta a súa Asemblea Nacional ante o mundo sindical

Yolanda Díaz e Sánchez Aguión, na rolda e prensa Dominio Público @ccoogalicia

O acto abrirase coa intervención de Rubén Pérez (coordinador de EU de Vigo), Suso Díaz (ex-secretario xeral de CCOO Galicia), Juan Fajardo (deputado de EU) e Yolanda Díaz

Esquerda Unida presenta este sábado 20 a súa XI Asemblea Nacional ante o mundo sindical. O encontro terá lugar na Facultade Relacións Laborais da USC, en Santiago de Compostela, a partir das 11 da mañá. O acto abrirase coa intervención de Rubén Pérez (coordinador de EU de Vigo), Suso Díaz (ex-secretario xeral de CCOO Galicia), Juan Fajardo (deputado de EU) e Yolanda Díaz, que salienta que “é o momento oportuno para escoitar e converxer co sindicalismo de clase. É preciso abrir o debate para entre todas e todos acadar o xeito de rachar con este sistema inxusto e antisocial”.

EU considera "importante establecer unha estratexia política e sindical para crear unha fronte de contención das políticas regresivas e de austeridade do capital"

A executiva nacional de Esquerda Unida considera "importante establecer unha estratexia política e sindical para crear unha fronte de contención das políticas regresivas e de austeridade do capital". A formación defende que máis que nunca a situación esixe "a unión e a loita conxunta para afrontar o acoso ao que a clase traballadora está sendo sometida".

 

Documento económico

A Asemblea Nacional do 27 de abril servirá para debater un documento político e outro de análise e propostas económicas, que nestas semanas previas están sendo discutidos nas asembleas comarcais da formación. Este texto económico comeza analizando a actual situación social e de crise, que para EU ten a súa orixe no "afianzamento do discurso neoliberal que co tempo foi callando no seo das sociedades capitalistas máis desenvolvidas: é o discurso segundo o cal o mercado soluciónao todo, xera e reparte a riqueza".

EU defende "propostas alternativas que teñan en conta un suposto irrenunciable para unha forza política anticapitalista: a actividade produtiva e a actividade económica debe servir ao interese xeral e non como sucede no capitalismo"

Defende, en termos xerais, "propostas alternativas que teñan en conta un suposto irrenunciable para unha forza política anticapitalista: a actividade produtiva e a actividade económica debe servir ao interese xeral e non como sucede no capitalismo". E considera que Galicia asistiu "a un proceso de acentuación das diferenzas sociais, pauperización da clase traballadora e aparición dunha minoría beneficiada con sectores altamente especulativos como o ladrillo ou as enxeñerías financeiras".

No documento Esquerda Unida realiza unha serie de propostas de transformación, tanto no ámbito europeo, como estatal, como galego. En canto a Galicia, pide a creación dunha Banca Pública a partir das caixas intervidas polo Estado, liñas de crédito especiais ás PEMES, o fomento das políticas de I+D+i, o incremento do gasto sanitario, en educación e investigación ou o fomento do transporte público nas cidades e en toda Galicia, sobre todo o ferroviario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.