Feijóo abre o carrusel de promesas á emigración e advírtea do risco de "desgoberno" se non gana o PP

Feijóo, nun mitin en Bos Aires © PPdeG

A precampaña galega cruza o Atlántico esta fin de semana e con ela, o carrusel de promesas destinadas aos denominados "residentes ausentes", case 400.000 persoas que son xa o 17% do censo total e que teñen ata o vindeiro día 22 para tramitar o voto rogado, isto é, para realizar as xestións que lles permitan emitir o sufraxio para as eleccións do 21 de outubro. Semella que é ese prazo, inédito nuns comicios galegos -probablemnte non se volverá repetir, xa que o Goberno central prevé eliminar este trámite-, o que impulsou aos candidatos de PP e PSdeG a trasladarse a Sudamérica neste inicio da precampaña e non na propia campaña, cando chamar á participación fóra de Galicia carecerá xa de sentido. O primeiro en chegar á outra beira do océano foi o presidente e aspirante á reelección, Alberto Núñez Feijóo. Comezou polo Uruguai e fíxoo con dous propósitos: sacar peito polas promesas cumpridas e advertir dos perigos dun eventual Goberno que non sexa do PP.

En plena controversia pola retirada do dereito á sanidade pública ás persoas inmigrantes que residen en territorio español -en Galicia, por exemplo, limítase a asistencia posparto- Feijóo gabouse de iniciar a lexislatura que agora remata "cumprindo un compromiso cos emigrantes", a aprobación do acceso á tarxeta sanitaria para a diáspora. Tras tres anos marcados por polémicas como o peche do Hospital Galego de Bos Aires Feijóo asegura que, igual que "hai catro anos dixen que volvería como presidente coa taxeta sanitaria para os emigrantes, agora volverei como presidente coa Lei de Galeguidade aprobada", unha norma que a Xunta anuncia dende hai meses e que xa pasou como anteproxecto por foros como o Consello de Comunidades Galegas, se ben non chegou a iniciar a súa tramitación parlamentaria.

En 2009 o PP prometeu aplicar a Lei de Dependencia na emigración e "depurar" o censo exterior

Deixando de lado promesas da campaña de 2009 como aplicar a Lei de Dependencia na emigración ou "depurar" o censo de residentes ausentes dedicou tamén o primeiro treito do seu breve periplo sudamericano -estará só dous días- a reiterar os, ao seu xuízo, perigos de que o PP non goberne tras o 21-O. Repetindo dun xeito case literal as mensaxes xa difundidas en Galicia o líder conservador proclamou no Centro Galego de Montevideo que só hai dúas alternativas electorais: "un goberno na Xunta" ou "unha Xunta ingobernable". "Sabedes que hai un equipo que di a verdade", que "fai da Xunta un instrumento útil" e que ademais "cumpre coa emigración porque vai na nosa partida de nacemento como partido grazas a Manuel Fraga", di. Enfronte, asegura, hai formacións que teñen "os seus hipotéticos conselleiros espallados por diferentes candidaturas froito das divisións e diferenzas" que ademais non desexan unha Galicia "libre" e "bilingüe".

A campaña do PP no exterior non se cingue esta fin de semana só a Feijóo. Así, mentres xefe de filas dos populares está en Sudamérica o seu número dous, Alfonso Rueda, dedica o domingo a manter encontros electorais en Zürich. Na cidade suíza os conservadores convocaron a colectividade galega no Colexio Católico Sumatra, ao que xunto con Rueda acudiu a ministra de Fomento, Ana Pastor.

Rueda, no acto electoral de Zürich © PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.