Feijóo 'adxudícase' 10.000 dependentes atendidos durante o bipartito

Feijóo, con outras autoridades e asistentes á inauguración na Coruña © Ana Varela

A Lei 39/2006 de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia está en vigor dende o 1 de xaneiro de 2007. O que se deu en presentar como cuarto piar do Estado de Benestar comezou a despregarse e un ano despois, a comezos de 2008, chegaban os primeiros froitos en forma de persoas atendidas. Dende abril de 2008 o IMSERSO recompila, mes a mes, os datos das persoas dependentes que reciben prestacións en cada unha das comunidades autónomas. Naquel primeiro mes con datos dispoñibles constaba que 195 persoas eran atendidas dende a Xunta. O último dato publicado, o de xullo de 2014, sitúa a cifra en 36.645. Malia á claridade dos números dende o Goberno galego véñense de presentar os datos do Servizo de Atención á Dependencia cunha lixeira distorsión.

Este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asistiu xunto a outras autoridades e a carón de representantes da Igrexa e do Exército á inauguración da nova sede da Institución Benéfico Social Padre Rubinos. A ONG coruñesa vai desenvolver a súa actividade nun moderno edificio financiado integramente pola Fundación Amancio Ortega, que puxo 25 millóns de euros para un centro que conta cunha residencia xeriátrica, un centro de día para anciáns, unha escola infantil e un albergue para persoas sen teito, entre outros servizos. Entre agradecementos ao propietario de Inditex -o alcalde coruñés, por exemplo, prometeulle agradecemento "eterno"- Feijóo abordou as cifras da dependencia do seu mandato e fíxoo adxudicando á súa xestión algo máis de 10.000 persoas que xa estaban atendidas cando tomou posesión.

O presidente afirma que o seu Goberno incrementou os dependentes atendidos dende 14.000, pero cando chegou había 25.540

Segundo o comunicado oficial da Xunta o presidente "salientou" durante o acto "o compromiso do Executivo económico coa inclusión social, co coidado dos maiores e dos dependentes". "No caso concreto da dependencia", di o presidente, esta "aposta" permitiu "que nos últimos cinco anos o número de dependentes se incrementase de 14.000 a 38.000". Malia esta afirmación hai exactamente cinco anos, en setembro de 2009, as persoas dependentes atendidas non eran 14.000, senón 27.217. Tampouco eran 14.000 en abril dese ano, cando o PP retornou ao poder, senón que os conservadores herdaron un sistema con 25.540 persoas recibindo prestacións. Para atopar unha cifra semellante á ofrecida por Feijóo cómpre remontarse a novembro de 2008, cando o sistema acollía 14.861 persoas.

Sete persoas atendidas menos cada día en 2014

As cifras oficiais e as do discurso presidencial non son as mesmas no referente ao que acontecía hai cinco anos nin tampouco no que atinxe á actualidade, unha circunstancia especialmente sensible toda vez que, por primeira vez dende a súa creación, o sistema perde persoas beneficiarias de maneira continuada. Atendendo de novo ás bases de datos do IMSERSO non hai 38.000 persoas atendidas en Galicia dende o pasado febreiro, cando chegaban ás 38.311. En abril, cando se fixeron exactamente cinco anos da chegada de Feijóo á Presidencia, a cifra xa baixara ás 37.704 e o último dato dispoñible son as devanditas 36.645 persoas do pasado xullo, xa lonxe das 39.785 de marzo de 2013, cando o sistema tocou teito no país.

Cando se fixeron cinco anos da chegada de Feijóo á Xunta as persoas atendidas eran 37.704 e en xullo baixaran a 36.645

Este baile de números prodúcese nun contexto no que, como informou este diario, o balance de 2014 é dunha media de sete persoas dependentes menos atendidas cada día, toda vez que en xaneiro había 38.879 recibindo prestacións e entre xuño e xullo a caída foi de 1.006 persoas, convertendo a Galicia na cuarta autonomía con maior baixada, só por tras de tres comunidades con moita máis poboación: Catalunya, Andalucía e Madrid. Para a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais a mingua no número de persoas atendidas no conxunto do Estado é mostra de que "as reformas do Goberno están tendo como resultado inequívoco a destrución do sistema e a tráxica desatención ás persoas en situación de dependencia e as súas familias". Tamén mingua a lista de espera no sistema pero, advirten, isto non acontece "por un incremetno na atención", senón pola "desaparición" de moitas persoas das listas, "ben por perda do dereito" a causa das novas condicións impostas polo Estado ou "ben por falecemento sen recibir atención, dada a parálise do sistema".

Un intre do acto no 'Padre Rubinos' © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.