Feijóo aplica unha lei antes de que a aprobe o Parlamento

Un intre da presentación © Xoán Crespo

lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia é un dos proxectos estrela do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Comezou o seu trámite no Parlamento o pasado agosto e, dende o seu propio nome, está inscrita na liña de situar "os emprendedores" como "piar das nosas políticas" e como "motor que conduce de novo o país á prosperidade". Aínda que as cifras oficiais din que ata seis de cada dez empresas galegas non teñen persoal asalariado a Xunta insiste no emprendemento como unha das claves para saír da crise. Se cadra é esa insistencia a que leva o presidente a pasar por riba dos trámites parlamentarios e anunciar con solemnidade a entrada en vigor dun dos preceptos da devandita lei do emprendemento antes de que o lexislativo lle dea o seu visto e prace.

Como calquera texto legal, o proxecto de lei do emprendemento estipula que "entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia", algo que só acontece unha vez que o Parlamento aproba unha nova norma. Esa aprobación producirase, previsiblemente, no pleno que a Cámara celebrará a vindeira semana. Pero Feijóo non semella disposto a esperar. Este mércores, durante un encontro "sobre o novo impulso da Xunta á creación de empresas", o titular do Executivo avanzou que "mañá mesmo", isto é, este xoves, "comezará a funcionar a Unidade Galicia Emprende, un instrumento que nace para asesorar e apoiar os emprendedores galegos, que pretende ser un axente facilitador dos emprendedores galegos".

Feijóo anuncia a entrada en vigor este xoves dun artigo da lei do emprendemento, que non se aprobará ata a vindeira semana

O anuncio presidencial implica a aplicación dende "mañá mesmo", case unha semana antes da aprobación parlamentaria, do artigo 8 da lei do emprendemento. Nela a Consellería de Industria establece que "a Administración xeral (...) creará a Unidade Galicia Emprende como programa transversal de información, orientación e avaliación das persoas emprendedoras". A lei establece ademais que un regulamento elaborado a tal efecto "establecerá as condicións, características e composición da unidade, que poderá estar composta por todas as persoas e entidades con domicilio social e fiscal en Galicia que soliciten a adscrición á unidade".

Lonxe de disociar ambas cuestións, o propio Feijóo admitiu, nese mesmo acto público, que a unidade "forma parte esencial da lei do emprendemento", que "se prevé que sexa aprobada a vindeira semana no pleno do Parlamento". Dende este xoves, asegura, a unidade "incorporará puntos de atención ao emprendedor que posibilitarán a constitución formal dunha nova empresa en vinte e catro horas" ou  "creará un portal do emprendedor", entre outras iniciativas.

O PSdeG "entende mellor o interese por reducir deputados"

Para o PSdeG esta operación ilustra o "respecto" do presidente polo lexislativo

O anuncio de Feijóo suscitou xa reaccións na oposición parlamentaria, a comezar polo PSdeG cuxo voceiro en materia de industria, Abel Losada, coida que o "respecto" que amosa o presidente con este tipo de actuacións permite "entender mellor o seu interese por reducir deputados". Manobras deste tipo permitirían situar a Galicia nun escenario de "peche" do Parlamento, ironiza, o que lle outorgaría ao Goberno "posicións máis cómodas" para a súa "acción".

No marco da defensa das emendas socialistas á lei Losada lamenta que o Goberno fíe a "solución dos problemas do país" a unha "inflación de leis". "Os problemas económicos non se solucionan con leis baleiras de contido e sen contías orzamentarias", acusa. "As leis que non teñen por tras un compromiso orzamentario son papel mollado", abonda o parlamentario, para quen o Goberno galego confía ademais nos "milagres" que poidan obrar as exportacións.

Feijóo, na presentación de 'Galicia emprende' © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.