A celebración chegoulle ao PPdeG nun dos seus momentos máis complexos dende que retornou ao poder autonómico en 2009. Despois de sufrir unha dura caída nas eleccións europeas de maio, co seu peor resultado en votos en Galicia dos últimos vinte e cinco anos, o escándalo da trama Zeta sumiu nas últimas semanas o partido do Goberno nun clima de desánimo acrecentado pola situación da dirección estatal da formación e polas dúbidas coas que enfronta as próximas e transcendentais citas coas urnas, as das eleccións municipais e xerais. Con este pano de fondo os populares galegos citáronse este domingo no recibidos do pavillón compostelán Fontes do Sar para, segundo anunciaran, "dar contas" da súa xestión no Goberon galego ao traspasaren o ecuador da lexislatura. Neste clima o propio Alberto Núñez Feijóo presentouse como azoute da "vaidade" na política mentres o seu vicepresidente e home forte do partido, Alfonso Rueda, proclama o PPdeG como "invencible".
A enquisa elaborada por Sondaxe que augura, segundo os datos publicados en La Voz de Galicia, que o PPdeG non acadaría a maioría absoluta en ningunha das sete cidades do país, foi unha convidada máis este acto, na que todos os conselleiros e conselleiras pasaron polo atril para falaren de cadansúas consellerías. Tras as intervención sectoriais as cargas políticas chegaron da man de Rueda e Feijóo. "Cun partido forte, facendo as cousas ben, seguiremos sendo invencibles", proclamou o secretario xeral, ao tempo que se amosou convencido de que, como noutras ocasións, os seus lograrán nas urnas o que os inquéritos auguran que non conseguirán.
"Na política sobra moitísima vaidade", repuxo Feijóo minutos despois. O seu Goberno, di, traballa coa "humildade de servir un pobo que non se rende nunca". Mentres, "vellos partidos" e "Algúns que aínda non chegaron" queren "dar exemplo de todo". O PPdeG, ilustra, non é "dos que brindan ao sol" nin tampouco dos que "debuxan grandes círculos", senón dos que "cadran as contas". De contas, precisamente, falou o presidente para asegurar que xa "hai resultados" tras dous anos de lexislatura, momento no que, di, xa se poden dar por cumpridos "máis da metade" dos compromisos que asumiu para todo o mandato.
O presidente da Xunta di que, fronte aos que "debuxan grandes círculos", o PP "cadra as contas"
Nesta liña, o xefe do Executivo asegura, por exemplo, que "Galicia dá exemplo de responsabilidade contable dende hai cinco anos", malia aos reproches de organismos fiscalizadores como o Consello de Contas polo desprazamento de facturas dun ano a outro, e sinla que a Xunta "ten unha débeda inferior ao conxunto da das demais comunidades", se ben o Banco de España acredita que dende 2009 se incrementou en máis dun 100% e os datos máis recentes sinalan que o endebedamento da Administración autonómica supera agora en máis de 5.000 millóns de euros ao de hai un lustro. Feijóo tamén tira de contas para asegurar que grazas á súa xestión "hai unha educación pública que chega con máis prestacións a máis estudantes que antes da crise" ou "uns servizos sociais que chegan a máis familias".
Feijóo augura que "a soberbia será derrotada" tamén nas eleccións de 2015
Estes, sentencia o xefe de filas do PP en Galicia, son os resultados da "humildade, constancia e esforzo" que caracterizan o seu partido e que xa o caracterizaban en 2009, cando "derrotou a soberbia de quen se cría vencedor". En 2015, di, "a soberbia tamén será derrotada". Todo isto, asegura, sucederá igual que os populares "ampliaron o apoio dos galegos" nas eleccións autonómicas de 2012 "a pesar da crise e dunha oposición que se aproveitaba dela para tentar rañar votos". Aínda que neses comicios galegos o PPdeG logrou 128.146 votos menos que nos anteriores Feijóo aférrase ao incremento do número de escanos para asegurar que o seu apoio cidadán foi "ampliado" porque "ante cada dificultade que se presentaba, os populares cumpriron o seu deber e gobernaron".