Feijóo deixa as súas leis máis mediáticas para o remate da lexislatura

Feijóo, con Rueda no pleno extraordinario da Cámara © Conchi Paz

"Ao final veñen as présas". Poucos estudantes non terán escoitado esta frase, ou algunha semellante, procedente do seu entorno familiar ou académico máis próximo ao achegarse os últimos días do curso escolar, cando se acumulan traballos, exames e tarefas pendentes. Esta advertencia sería tamén aplicable ao ámbito político cando o que se aproxima non é a fin do curso, senón da lexislatura, e non é exclusiva de ningunha cor política. Así, por exemplo, ao convocar as pasadas eleccións xerais ao gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero quedáronlle no caixón normas como a Lei de Morte Digna ou a Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación, entre outras. Algo semellante lle aconteceu ao bipartito que formaron na Xunta PSdeG e BNG, ao que a cita coas urnas o colleu con normas como a de Publicidade Institucional ou Montes a medio tramitar. Todo semella indicar que o actual Goberno galego baterá na mesma pedra deixando no aire, como os seus antecesores, se ese tropezo ten ou non algo de intencionado.

A finais do pasado xaneiro Alberto Núñez Feijóo presentaba o roteiro do seu Executivo ata o remate da lexislatura en forma de "calendario lexislativo". A través dun informe presentado tras un Consello da Xunta manifestaba a súa intención de remitir ao Parlamento e concluír a tramitación de vinte e tres leis que afectaban á práctica totalidade das consellerías. Deste xeito, anunciaba, culminaría o seu mandato cun "20% máis" de normas aprobadas que na lexislatura do bipartito. Dende xaneiro e ata a actualidade tres desas leis foron xa aprobadas e outras cinco están en trámite parlamentario. Entre as quince restantes atópanse algunhas das máis mediáticas, cuxa mera entrada no lexislativo tería unha importante repercursión pero que, en caso de adianto electoral, sería practicamente imposible aprobar -ao rematar unha lexislatura, os proxectos de lei que están pendentes, decaen-.

Das vinte e tres prometidas xa recibiron o visto e prace do Parlamento a Lei de Vivenda, a de Xuventude e a de Montes

Así as cousas, das leis incluídas nese calendario xa recibiron o visto e prace definitivo da Cámara a Lei de Vivenda, a de Xuventude e a de Montes e están en diferentes puntos da súa tramitación a Lei do Sistema Universitario, a de Impuso e Ordenación das Telecomunicacións, a de Fomento da Investigación e a Innovación, a de Transporte Público en Vehículos de Turismo -Lei do Taxi- e a Lei de Inclusión Social, esta última, como ten informado Praza, recibida polo Consello Económico e Social con fortes críticas. Entre as quince pendentes inclúense algunhas que, de saír adiante, non terían, a priori, especial relevancia pública, caso por exemplo da Lei de Industria Marítima ou da Lei de Xestión Portuaria. Outras teñen un ámbito máis ou menos sectorial, como a Lei de Patrimonio Cultural e outras mesmo poderían abrir frontes de polémica para o Executivo, caso por exemplo da Lei de Caza, da de Acuicultura ou da nova Lei da Función Pública, que chegaría no medio dunhas tensas relacións da Xunta co funcionariado.

Leis 'apetecibles' en precampaña electoral

A Lei de Publicidade Institucional era considerada "urxente" polo Goberno galego ao inicio da lexislatura

Pero xunto a estas están as que si poderían ser especialmente apetecibles para un Goberno en precampaña electoral, mesmo caendo na tentación de iniciar o seu trámite sabendo que este non vai rematar. Isto aconteceu, por exemplo, coa Lei de Publicidade Institucional do bipartito e podería volver acontecer, precisamente, con esta mesma lei. Considerada "urxente" polo conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, dende o comezo da lexislatura esta normativa para regular a propaganda oficial foise dilatando no tempo. Prometida en múltiples ocasións, finalmente atopou oco neste último calendario lexislativo do mandato, pero, co curso parlamentario acabado de rematar, aínda non pasou polo Pazo do Hórreo. Igualmente proclive a saír á palestra en tempos preelectorais é outra das normas pendentes, a nova Lei da Xunta e da súa Presidencia que, á espera de coñecer os seus contidos, é de agardar que inclúa recortes ou reestruturacións da estrutura administrativa ou de altos cargos do Goberno, na liña coa "austeridade" que o gabinete de Feijóo sitúa como un dos seus emblemas esenciais. 

Neste escenario aínda restarían, cando menos, outras dúas normas que poderían ser empregadas dende San Caetano como un impulso cara ás urnas e que afectan a dous ámbitos especialmente sensibles, a sanidade e a emigración. Atendendo á promesa presidencial antes de que expire a lexislatura tería que ser aprobada a Lei de Garantías de Prestación Sanitaria, o que equivalería a que, cando menos sobre o papel, a Xunta garante por lei tempos de espera máxima para intervencións cirúrxicas ou consultas en medio da treboada de recortes. O mesmo tería que acontecer coa Lei de Apoio ao Retorno, enfocada a unha emigración galega que sería especialmente determinante en caso dun escenario electoral axustado.

Feijóo e Rueda, na votación da reforma da Lei do Valedor © Conchi Paz

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.