Feijóo desmárcase das críticas dos 'baróns' do PP aos Orzamentos de Rajoy

Feijóo, con Rajoy na conferencia que ofreceu no Ritz de Madrid © Xunta

Disque a crise e as súas derivadas mudan practicamente todo, tamén moitos conceptos e tamén na política. Isto semella a ser o que está a acontecer cun dos lugares comúns máis reiterados dende que existe o Estado das autonomías: o "goberno amigo", xeralmente invocado para definir o fenómeno consistente en que o Goberno central e o dunha autonomía estean xestionados pola mesma forza política, polos beneficios que pode a comunidade en cuestión pode tirar desta coincidencia. Dende o inicio das estreiteces económicas o fenómeno do goberno amigo comezou a debilitarse. Aconteceulle en certa medida a Zapatero e semella reproducirse, aínda que con maior intensidade, baixo o mandato de Rajoy. O último destes episodios ten que ver coa presentación dos recortadísimos Orzamentos Xerais para 2013, unhas contas que non deixan satisfeito practicamente a ninguén, ata o punto de que varios baróns do PP apostan por censuralos abertamente. Así e todo, tamén existen dirixentes autonómicos populares que manifestan o seu apoio cara a estas contas, caso por exemplo do presidente da Xunta e candidato a reelección.

Feijóo: "Por fin temos un orzamento que non mente nos ingresos e que se enfronta aos principais problemas con rigor"

A primeira oportunidade de valorar en público os Orzamentos tívoa Feijóo este luns en Madrid, na quenda de preguntas posterior a un almorzo informativo no que Mariano Rajoy exerceu de presentador. Sentado ao carón de Rajoy, Feijóo foi cuestionado pola súa opinión sobre as contas, que prevén unha baixada de 400 millóns de euros para Galicia a respecto de 2012. E o actual xefe do Goberno galego considerou que os Orzamentos "non lle gustan a ninguén, nin sequera ao que os fixo", pero son "responsables e realistas" e, ademais, "por fin temos un orzamento que non mente nos ingresos e que se enfronta aos principais problemas do país con rigor e seriedade", di. Segundo Feijóo a todos os gobernos autonómos "lles gustaría ter máis investimento" pero ve "priorizados" os "gastos inaprazables" e "os servizos públicos esenciais".

Valencia, Baleares e Aragón censuran abertamente as contas por "inxustas" e reclaman máis fondos

A vinte e catro horas da Conferencia de Presidentes que reunirá en Madrid a todos os mandatarios autonómicos, a valoración de Feijóo actuou cun pano quente no Goberno de Rajoy mentres lle chegaban xerras colmadas de auga fría dende as filas do seu propio partido. Así, por exemplo, dende a Comunitat Valenciana o seu presidente, Alberto Fabra, recoñece abertamente que "quere máis" duns Orzamentos que ve "inxustos". "Se hai poucos cartos ten que haber para todos; non pode haber para algúns, que son case os de sempre" e que "outros sigamos discriminados". Neste contexto, Fabra anuncia que tentará "presionar" para cambiar as partidas económicas de 2013, o mesmo que a presidenta aragonesa, Luisa Fernanda Rudi, que insta a "mellorar" o proxecto, ou o seu conselleiro de Economía, Roberto Bermúdez de Castro, que se confesa "perplexo e ata un punto indignado" cuns orzamentos "nada positivos".

Nun sentido semellante se pronuncia o presidente de Balears, José Ramón Bauzá, para que as contas elaboradas polo Goberno do seu xefe de filas son "absolutamente inxustas. Para Bauzá "os cidadáns non merecen de ningunha maneira" unhas contas coma estas, as segundas de Rajoy como presidente, menos aínda tendo en conta que o seu gabinete "está cumprindo os obxectivos orzamentarios e de déficit". Por todo isto, afirma, xa lle transmitiu o seu "disgusto" ao ministro de Facenda, Cristóbal Montoro.

En plena rebelión a bordo, ademais de Feijóo a única voz autonómica do PP que saíu en defensa dos Orzamentos é a da presidenta de Castilla-La Mancha e secretaria xeral do partido, Dolores de Cospedal. Para a número dous de Rajoy cómpren "responsabilidade" e "altura de miras"  porque os Orzamentos "poden non gustarlle a moita xente" pero "son responsables e coherentes". "Ou saímos todos ou non saímos ningún", proclama De Cospedal, nun panorama no que "hai cousas que, aínda que non gusten, hai que facelas".

Feijóo, con Rajoy na conferencia que ofreceu no Ritz de Madrid © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.