Feijóo despide o ano entre críticas a Catalunya e eloxios á venda de empresas galegas

Feijóo, durante a mensaxe de fin de ano © Xunta

Hai un ano, dende a casa de Rosalía en Padrón, o presidente da Xunta prognosticou que o 2013 ía ser "o tempo para empezar a rexurdir". Un ano máis tarde indicadores como o paro, os salarios ou o número de fogares con todos os seus membros sen ingresos non acompañan, pero Alberto Núñez Feijóo, malia "non ignorar os dramas que están ao noso redor", maniféstase convencido de que Galicia xa "pode ollar a recuperación coa confianza que dá o deber cumprido". O "substancial da autonomía do benestar está intacto" e é posible ter "confianza plena na solvencia e continuidade dos servizos públicos", polo que os temas centrais cara ao 2014 son, entre outros, Catalunya e o eloxio á venda de empresas galegas a compañías foráneas.

Co Centro de Transfusións de Galicia como plató Feijóo apoiou a súa mensaxe de fin de ano, como xa fixera no debate de política xeral, no espírito solidario xurdido tras a "fatídica noite" do accidente de Angrois para amosar Galicia "como unha familia grande que camiña xunta dende tempo inmemorial", tamén en tempos difíciles que "esixen esforzos e sacrificios". Valéndose do utilizadísimo símil dos gobernantes que toman "decisións que son moi semellantes ás que teñen que adoptar moitos pais e nais de familia" o presidente asegura que traballa e toma decisións nun país que "ofrece unha estabilidade social e política que contrasta con aventuras que levan outras comnunidades á división e á incerteza", en referencia implícita ao proceso soberanista catalán.

O presidente sentenza que o "substancial da autonomía do benestar está intacto"

Segundo a interpretación presidencial para a "idiosincrasia" galega "non é doado entender que as institucións sirvan para crear fendas artificiais, agravios fantasmagóricos e obxectivos imposibles". Iso, vén dicir, é o que fan os partidos e instituciósn catalás, que non reclaman a autodeterminación senón que xeran "identidades excluíntes" e conducen a "enfrontamentos que poden tardar en cicatrizar". "Fronte a ese modelo convulso", explicoulle á cidadanía, "os galegos seguimos outro tranquilo", cunha identidade "tan forte como calquera" pero que "non precisa inventar inimigos, nin erguer fronteiras nin fomentar o illamento". "Galicia, en definitiva, é responsable e fiable", resume, na mesma xornada en que outros presidentes autonómicos, tamén do PP, aproveitaron as súas mensaxes para reclamar melloras no financiamento ou rexeitar a contrarreforma do aborto.

Eloxio á venda de empresas

Feijóo atribúe a venda de empresas a que "os investidores confían na nosa capacidade, na nosa calidade humana e profesional"

Esa "fiabilidade" é precisamente, segundo o xefe do Executivo, o que viron en Galicia as empresas que "nos últimos tempos" se fixeron co control dalgunhas das principais empresas galegas, isto é, "compartiron con nós a súa enerxía". Isto acontece non pola mala saúde das compañías do país, senón porque Galicia "é unha das comunidades autónomas máis atractivas para investimentos foráneos" e porque os investidores foráneos "confían na nosa capacidade, na nosa calidade humana e profesional" e iso acontece "dende o naval ata a banca". "Galicia está no mundo e o mundo está en Galicia", resume, considerando así que "cumprimos un dos requisitos fundamentais para iniciar a fase da recuperación". Do atraso de Pemex, nin palabra.

Dadas as circunstancias, para Feijóo fica claro que "dicir a verdade é o primeiro mandamento dun gobernante" e así seguirá a facer el no futuro, vén explicar. Como presidente, afirma, anima a "conservar" o "espírito" de Angrois e "facer del a nosa divisa" como "gran pobo que vén de lonxe e quere ir lonxe". "Confiemos en nós", insta.

Feijóo, durante a mensaxe de fin de ano © Xunta
© Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.