Feijóo enche o mitin da Coruña con centos de buses chegados de toda Galicia

Autocares aparcados e simpatizantes do PP na beirarrúa CC-BY-SA Praza Pública

"PP. Bus número 48. Santa Comba". E así ata máis de 150. O mitin central do PP na Coruña encheuse na tarde deste sábado con ducias de buses chegados de todos os puntos de Galicia. O acto dos conservadores, que se celebra no pazo dos deportes de Riazor, obrigou a cortar varios carrís das estradas que circunvalan o estadio de fútbol debido á enorme cantidade de vehículos que transportaron a milleiros de simpatizantes do Partido Popular chegados desde todo o país.

A presenza masiva de autocares obrigou a cortar varios carrís na zona de Riazor

Non facía falta máis que botar unha ollada aos autocares para se decatar que a procedencia era do máis variada, aínda que principalmente de localidades da provincia da Coruña. Dodro, Santa Comba, Ferrol... E así unha morea de concellos con cadanseu cartel no frontal dos buses que causaron un pequeno caos de tráfico na zona de Riazor da cidade coruñesa. Os vehículos non foron aparcados en zonas especialmente habilitadas, senón que quedaron situados en ringleiras nos carrís que rodean o campo de fútbol e algunhas outras rúas do barrio, o que obrigou a Policía Local a regular o tráfico nos cruces.

Os milleiros de persoas que baixaban dos buses, cunha media de idade ben avanzada, contaban co convite que o PPdeG esixe para a maioría de mitins desta campaña. Á entrada, os asistentes atopáronse cunha protesta dos traballadores de Alcoa, que solicitaban solucións ante a ameaza de peche da factoría e que estaban vixiados por un importante despregamento policial.

Autocares aparcados onde o estadio de Riazor CC-BY-SA Praza Pública
Autocares aparcados onde o estadio de Riazor CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.