Nunha granxa de Lugo, rodeado de vacas e cargando contra os políticos urbanitas, o presidente Feijóo iniciou este venres a campaña das eleccións xerais obviando por completo calquera promesa en clave estatal e optando por salientar medidas do Goberno galego para o rural como se fose a campaña das autonómicas do outono a que vén de comezar. Feijóo estivo acompañado polos candidatos do PP ao Congreso e o Senado por Lugo, pero, nun acto pensado para as cámaras de televisión e no que non se permitiron preguntas, nada dixo da recente petición dun xulgado da cidade de abrir xuízo contra catro cargos e afiliados do seu partido por levar a votar anciáns coas facultades mentais mermadas nas autonómicas de 2012, nas que el revalidou a Xunta.
Feijóo obviou tanto o programa estatal do seu partido como a PSOE e BNG e cargou só contra Podemos, “apóstolos do campus da Complutense que nunca viviron no rural”
Feijóo foi o único que falou nun acto centrado no agro no que nada dixo sobre o contido en materia rural do programa electoral do candidato do PP á presidencia do Goberno. “O Goberno galego”, dixo -non o central, ou Mariano Rajoy-, “non vai abandonar o sector”. O presidente galego salientou que quixo empezar a campaña “polo principio, e o principio de Galicia é o agro”. E a continuación comezou a debullar as medidas que o seu goberno está a impulsar en apoio do rural, como as concentracións parcelarias ou axudas económicas para incorporación de xente moza ás explotacións. Un discurso moi similar ao que vén repetindo desde o atril de presidente da Xunta tras os consellos de goberno das dúas últimas semanas, presentados polo propio Feijóo como especialmente preocupados polo rural, con medidas que foron desde novas subvencións para a compra de pastores eléctricos e indemnizacións polos danos do xabarín ata axudas para plantacións de castiñeiros. “Estamos superando os momentos de dificultade”, asegurou Feijóo.
Acompañado da dirección do PP de Lugo, pero nun acto sen preguntas, Feijóo nada dixo da causa xudicial aberta na cidade por carrexo de anciáns
Tras as mensaxes en positivo, o presidente pasou a cargar contra Podemos e as mareas galegas, obviando, como fixo co programa estatal do seu partido, a PSOE e BNG. “Non cremos nos novos apóstolos do medio rural galego que veñen do campus da Universidade Complutense de Madrid nin nas súas franquías galegas”, dixo, “xente que non viviu nunca no rural ni lle interesa o rural”. Fronte a eles, Feijóo asegurou que el non vai “utilizar as dificultades do sector para apañar un puñado de votos”.
Pegada de carteis
Feijóo chamou a "mollarse pola democracia e insinuou que esta estaría en risco se Podemos chega ao Goberno
Foi este de Lugo o primeiro acto de campaña do presidente galego tras a pegada de carteis celebrada na medianoite do xoves ao venres na Alameda de Santiago, na que baixo unha intempestiva choiva o presidente chamou a “mollarse pola democracia” e insinuou que esta estaría en risco se Podemos chega ao Goberno. Feijóo ten claro cal é o seu inimigo.