Feijóo insiste na gran coalición para evitar un goberno "letal para España"

Feijóó, na presentación do libro de Mariano Rajoy en Madrid © Xunta

Núñez Feijóo segue chamando á gran coalición. O presidente da Xunta advertiu este venres que "aínda se está a tempo de tentar conseguir gobernos entre partidos constitucionalistas" fronte a un "que non acepte a Constitución" e que, segundo di, sería "letal para os intereses de España". Doutra volta, emprega un adxectivo que antes empregara para a posibilidade de que Gonzalo Jácome se convertese en alcalde de Ourense, finalmente elixido tras o pacto acadado co PP. 

Desta vez falou Feijóo nos actos en Madrid polo aniversario da Carta Magna no Congreso, no que dixo que "cómpre" máis ca nunca "darlle un abrazo á Constitución" ás portas da formación dun novo Executivo no Estado. 

"Calquera proposta que saia do Goberno con partidos que non aceptan a Constitución ou que o fan por imperativo legal será un Goberno de máximo risco"

"Calquera proposta que saia do Goberno con partidos políticos que non aceptan a Constitución ou que, como eles din, a aceptan exclusivamente por imperativo legal, será un Goberno de máximo risco de España", dixo o presidente da Xunta, que cre que é "moi perigoso estar no primeiro momento da nosa historia ante posibles gobernos que parte deles ou socios que voten e os faciliten estean para destruír esa Constitución". 

Entre duras críticas a Pedro Sánchez, Feijóo acusouno de "buscar un acordo, un pacto e asinar un acordo en primeiro lugar con Podemos e agora tentar obter o visto e prace do señor Junqueras e do señor Torra". 

Ana Pontón e outros cargos do BNG, no acto pola autodeterminación CC-BY-NC-SA BNG

Mentres Feijóo celebraba o aniversario da Constitución en Madrid, o BNG levaba a cabo en Santiago unha cadea humana ao redor do Museo do Pobo Galego, como acto simbólico en defensa da autodeterminación no que participaron numerosos cargos nacionalistas.

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, reclamou o "dereito" de pobos e cidadáns a cambiar as leis, incluída a Constitución, e cargou contra Vox, que definiu como "aborto do PP". 

O BNG reivindica a autodeterminación e carga contra unha Constitución que considera un marco "esgotado"

Para Pontón, a Carta Magna é un marco "esgotado" que non serviu para solucionar os problemas de Galicia e que é un texto "dos privilexios duns poucos", entre os que incluíu á dinastía borbónica, unha institución "carca, antidemocrática e machista".

Por outra banda, a portavoz nacionalista mostrou a súa preocupación ante a extrema dereita e destacou que non "debe sorprender" que a dereita pacte con Vox, porque "non é máis que un aborto do Partido Popular".

Anova denuncia que a Constitución sexa utilizada "como unha arma arreboladiza e de parte, converténdoa nun texto sacralizado e dividindo acidadanía"

Ademais, Anova advertiu tamén polo Día da Constitución dun réxime, o de 1978, que "entrou nunha fase de crise terminal que poderá dilatarse máis ou menos no tempo, pero que fai urxente abordar política e socialmente".

Nun comunicado, a formación soberanista considera que a Constitución é un texto "continuista co aparello represor do franquismo" e que "foi empregada nos últimos tempos como unha arma arreboladiza e de parte, converténdoa nun texto sacralizado e dividindo a cidadanía entre 'constitucionalistas' e 'non constitucionalistas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.