Feijóo nega que a morte dun paciente agardando no Clínico de Santiago se deba a falta de persoal: “Non ten nada que ver”

Feijóo no Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente publicita as oposicións que agora se celebrarán da oferta de emprego público de 2019 e salienta que permitirán reducir os contratos temporais aos que a Xunta vén recorrendo

Para o presidente Feijóo as críticas pola morte dun paciente mentres agardaba para ser atendido no Hospital Clínico de Santiago (CHUS) son “inmerecidas” para o persoal dos servizos sanitarios. O titular da Xunta, que este xoves publicitou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta un informe propagandístico sobre o ritmo de execución da oferta pública de emprego de 2019 no Sergas, foi preguntado se as oposicións que agora se celebrarán teñen que ver coa recente morte no Chus, no que sindicatos veñen criticando que falta persoal. “Iso non ten nada que ver cos feitos” ocorridos no Chus, asegurou Feijóo. 

Feijóo na súa comparecencia deste xoves CC-BY-SA Xunta de Galicia

No Consello deste xoves houbo sete informes propagandísticos sen valor legal fronte a dous decretos e un acordo

O informe divulgado pola Xunta -documento propagandístico sen valor legal que os gobernos de Feijóo veñen empregando de xeito crecente, ata o punto de que no Consello deste xoves houbo sete informes fronte a só dous decretos e un acordo con valor legal- limítase a constatar que a oferta de emprego público de 2019 para o Sergas celebrará os exames en febreiro e marzo deste 2020. Feijóo salientou que estas oposicións permitirán cubrir 1.492 prazas, e foi preguntado se iso, publicitado apenas dous días despois de coñecerse a morte dunha persoa agardando no CHUS, supón recoñecer dalgún xeito que fai falta máis persoal.

“Durante cinco anos en España non puidemos sacar todas as vacantes, inevitablemente tiñamos que facer contratos temporais”

Segundo a explicación de Feijóo, nos últimos anos a Xunta foi cubrindo prazas sanitarias con contratos temporais porque o Goberno central non deixaba convocar oposicións para todos os postos que quedasen baleiros por xubilacións ou outros motivos senón só para unha pequena parte, a coñecida como taxa de reposición. “Durante cinco anos en España non puidemos sacar todas as vacantes, inevitablemente tiñamos que facer contratos temporais”, dixo, situación que se quere reverter en parte coas oposicións que agora se celebrarán.

Feijóo reclamou ao actual Goberno central que lle permita convocar máis prazas, sen dicir nada a respecto de que as restricións foron impostas no seu momento polo anterior Goberno de Mariano Rajoy. Pero asegurou que esa situación non supón que non haxa o suficiente persoal sanitario xa que di a Xunta está cubrindo as vacantes con contratos temporais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.