Feijóo pedirá "responsabilidades" ao alcalde de Boqueixón "se corresponde"

Feijóo, tras a xuntanza do Consello © Ana Varela

Feijóo vén de asegurar este venres que se o PPdeG recibe "algunha información" que o avale "pedirá responsabilidades" ao alcalde de Boqueixón, Alfonso Gacio, detido durante a operación Pokemon contra a corrupción, que acumula xa trece detidos, entre eles tamén o rexedor de Ourense, Francisco Rodríguez. Ambos os dous pasarán a disposición xudicial nas vindeiras horas.

A devandita operación investiga diversos delitos como os de suborno, prevaricación, fraude fiscal, falsidade documental ou tráfico de influencias en relación coas adxudicacións de obras ao grupo Vendex, que ofrece o mantemento de servizos públicos en diversas cidades galegas e cuxas sedes foron rexistradas durante o operativo xudicial.

"Se temos algunha información, pediremos responsabilidades ao alcade de Boqueixón", asegura Feijóo

"O que fará o PSOE non o sei, pero o que fará o PP é actuar como temos actuado nos últimos anos e en calquera suposto: Se temos algunha información, o que fará é pedir responsabilidades", asegurou en declaracións aos medios, antes de presentar o alcalde de Santiago nun almorzo informativo na capital galega.

"No meu partido non cabe ningún tipo de irregularidade e no meu partido non cabe ningún tipo de sospeita", aclarou o presidente da Xunta, que insistiu en que todos os detidos teñen "a mesma presunción de inocencia, como sempre, a que se presupón, para todos os cidadáns".

De todos os xeitos, o presidente volveu apelar á presunción de inocencia dos implicados nesta operación que acumula dez arrestados en Galicia, entre eles o ex presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ou un funcionario do Concello de Santiago. En canto ás datas elixidas para a detención de varios cargos políticos, a un mes das eleccións, Feijóo manifestou o seu "respecto" pola independencia xudicial e animou a xuíza instrutora, a mesma que leva a operación Carioca, a "seguir investigando e actuando con rigor"

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, recordou que a operación está dirixida polo xulgado número 1 de Lugo e indicou que as forzas de seguridade limítanse a actuar como Policía xudicial "sen iniciativa" e asistindo á xuíza nas súas instrucións. "Non teño ningunha novidade que achegar" e remitiu aos xornalistas ao xulgado para coñecer detalles da operación.

Respecto dos que desconfían de que a operación se desenvolvese en precampaña, Juárez indicou que se trata dunha iniciativa que partiu da xuíza Pilar De Lara Cifuentes "dentro da súa independencia xudicial". "E nós respectámola, por suposto, e imos seguir facendo o papel que corresponde aos corpos de seguridade do Estado", rematou.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Feijóo, tras a xuntanza do Consello © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.