O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentouse este mércores no Parlamento de Galicia como o salvador do idioma galego fronte ao deterioro que ao seu ver se produciu durante o bipartito de PSdeG e BNG que gobernou Galicia entre 2005 e 2009, hai máis de nove anos. Feijóo tamén gabou o seu traballo para aproximar Galicia á lusofonía.
“Teñen na TVG debuxos animados do século XX para nenos e nenas do século XXI”, critícalle Ana Pontón
Foi a portavoz do BNG, Ana Pontón, a que, na última sesión de control ao Goberno galego antes do Día das Letras Galegas, pediu explicacións a Feijóo polo deterioro que está a sufrir o uso da lingua propia, segundo reflicten os estudos ao respecto da Real Academia Galega (RAG). Pontón salientou a caída do seu uso entre os máis novos e atribuíu a responsabilidade á Xunta polas súas políticas educativas que restrinxen o seu uso na escola e polo abandono por parte do Goberno galego de iniciativas que no pasado axudaron á normalización. “Seguen a ter na TVG os mesmos debuxos animados que tiña eu de nena, debuxos do século XX para nenos e nenas do século XXI”, exemplificou Pontón.
A resposta de Feijóo foi a de volver a tirar dos datos de coñecemento do galego, non de uso, que reflicten tamén os mesmos informes da RAG, para presentar a situación da lingua como mellor que hai unha década. O único problema que admitiu o presidente foi que “o seu uso entre os máis novos nas zonas urbanas non está acompasado co seu nivel de coñecemento, e aí está o problema”, pero sen indicar que está a facer o seu Goberno para reverter esa situación.
Feijóo ampárase nos datos de coñecemento do galego, non de uso, para presentar a situación da lingua como mellor que hai unha década
Pontón lembrou a Feijóo que en 2009 “chegou á Xunta a cabalo desa gran mentira da imposición e leva durante todo o seu mandato facéndolle un escrache á nosa lingua”. A resposta do presidente foi que “os rapaces son libres, quedaron fartos da política lingüística do BNG”, e reiterou a legalidade do seu contestado decreto de uso das linguas no ensino.
Este mércores Feijóo mesmo se presentou como o responsable do maior achegamento de Galicia á lusofonía. “É a primeira vez que a República portuguesa condecora este Goberno por facer unha política de proximidade e de respecto cara ao mundo lusófono”, dixo.