“A veces cométense erros e eses erros teñen unha transcendencia pública, os políticos sabemos que erros que na vida privada son erros difíciles de xustificar, na vida pública son absolutamente inxustificables”. Así valorou este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a dimisión da presidenta da Comunidad de Madrid, Cristina Cifuentes, polémica que vén sendo aproveitada pola oposición en Galicia para lembrar, tamén agora, a súa cando era número 2 da Consellería de Sanidade co contrabandista Marcial Dorado. No seu momento o propio Feijóo atribuíu a súa relación con Dorado a un “erro” de xuventude e, ao igual que fixo este mércores Cifuentes, denunciou a existencia dun suposto plan para amedrentalo coa ameaza de imaxes comprometedoras.
O titular da Xunta evita valorar o impacto da polémica na imaxe do PP galego, do que destacados dirixentes chegaron a ovacionar en pé á presidenta madrileña
Tanto este mércores, en declaracións nada máis coñecerse a dimisión de Cifuentes, como este xoves, na súa rolda de prensa semanal, Feijóo valorou como “correcta” e “procedente” a decisión de dimitir da súa compañeira de partido, cuxas primeiras explicacións considerou suficientes cando eldiario.es comezou a desvelar as numerosas irregularidades na obtención do seu máster. Este xoves a Feijóo preguntóuselle se considera lóxico que Cifuentes tivese que dimitir polo roubo hai sete anos dunhas cremas nun supermercado e non pola polémica do máster, pero o presidente eludiu a pregunta.
Tampouco contestou Feijóo á pregunta de se estes feitos están a prexudicar a imaxe do PP, non só en Madrid senón tamén no resto do Estado, incluída Galicia. Un PP no que destacados dirixentes, tamén galegos como a presidenta do Congreso, Ana Pastor, ou o portavoz no Senado, José Manuel Barreiro, chegaron a ovacionar en pé a Cifuentes na convención do partido celebrada en Sevilla, tal e como divulgou o propio PP de Madrid.
Dirixentes populares, entre eles varios do PPdeG, ovacionan a Cifuentes na convención do PP
A resposta do presidente galego a esas dúas preguntas foi que a decisión de dimitir de Cifuentes é “a máis dura que pode adoptar un político” e que as polémicas que a arrodearon “non eran sobre a súa xestión” á fronte dos seus cargos públicos senón por cuestións persoais.