O conselleiro de Sanidade non logrou, coa súa comparecencia deste martes no Parlamento, apagar o incendio político xerado pola investigación -antiga imputación- de dous cargos do Servizo Galego de Saúde por presunta prevaricacion na xestión dos tratamentos de hepatite C, derivada da denuncia na que a Fiscalía acusa a Xunta de homicidio imprudente por demoras neses fármacos baseadas en motivos "orzamentarios". Así, co escándalo aínda a arder, o presidente da Xunta tiña que responder este mércores ás preguntas da oposición ao respecto -negouse a unha comparecencia específica-. E optou por combinar a gabanza ao seu propio Goberno por "pagar" os tratamentos co desdén ás acusacións do ministerio público, que cualifica de "xuízo sumarísimo á sanidade".
As preguntas da oposición baseáronse, precisamente, no "abrumador informe da Fiscalía", en verbas do socialista José Luis Méndez Romeu. "Pida desculpas", esixíronlle ao presidente tanto o voceiro do PSdeG como Antón Sánchez, de AGE, e Francisco Jorquera, do BNG, quen advirte a Feijóo de que as autorizacións de tratamentos médicos non poden ter, politicamente, a mesma consideración que "as licenzas de obra". Pero as acusacións de tratamentos "atrasados", as que lanza a xustiza, son para o líder popular unha "trampa moral inadmisible" na que el non vai "caer".
Feijóo atribúe á oposición as acusacións da Fiscalía e cualifícaas de "disparate" e "insulto"
"Disparate", "insulto", "falta de respecto" ou mesmo "xuízo sumarísimo á sanidade pública de Galicia" son algúns dos cualificativos que a Feijóo lle merecen as acusacións da Fiscalía, que o presidente atribúe, non obstante, en exclusiva aos grupos da esquerda. Sitúa tamén no terreo da mentira que, como indica un dos informes médicos incluídos na causa xudicial, un paciente lograse o tratamento grazas á carta que os seus médicos lle enviaron directamente á daquela conselleira de Sanidade "É falso que ninguén tivese trato de favor" ou "enchufe" e o mero feito de suxerilo é tanto como "insultar aos médicos".
Unha vez negadas as acusacións, Feijóo coida que, sinxelamente, "non se pode dicir que temos criterios economicistas" porque "investimos 130 millóns de euros" en tratamentos da hepatite nos últimos anos o que permite, por exemplo, ter unha "media de tratamentos" en relación á poboación "moi por riba de Andalucía". A Xunta, enfatiza dedica a estes fármacos os cartos equivalentes ao custo de "facer un hospital comarcal", á construción de "sesenta centros de saúde" ou aos "orzamentos da cidade de Santiago".
PSdeG, AGE e BNG esixiron, sen éxito, que Feijóo se "desculpase" polas súas verbas sobre a denuncia
"Non vimos facer ningún xuízo sumarísimo, vimos pedir explicacións" por "unha cadea de decisións administrativas" ligadas "a seis persoas mortas", retrucou Romeu. "Non culpe vostede á oposición, é a Fiscalía a que relaciona mortes e recortes", agregou Jorquera, quen advirte ademais que na propia instrución xudicial se alude á "modificación de datas para simular tempos de espera menores". "Fixérono tan ben -conclúe Antón Sánchez- que son o primeiro goberno procesado penalmente pola reación entre criterios orzamentarios e mortes" , motivo dabondo para AGE como para, cando menos, que Feijóo "pida desculpas polo desprezo e os ouvidos xordos que fixeron".
As reiteración das preguntas dos grupos non mudaron o discurso do presidente, que contrapñon o "orgullo por investir 130 millóns" en fármacos coa "destrución da dignidade e dos principios morais básicos" que lle atribúe a unha oposición sen "candidatos nin proxecto". Ao cabo, remata, a petición de explicacións polo veto ao tratamentos de hepatite non é máis que "empezar a campaña electoral criticando a sanidade". "Galicia -espétalles- lles queda moi grande".