Feijóo 'vende' o seu plan de emprego xuvenil rodeado de recortes laborais

Feijóo, durante a visita © Xoán Crespo

En Galicia hai arredor de 74.000 mozas e mozos sen traballo, un 15% máis que a finais de 2009. Nos últimos anos a taxa de ocupación da xente nova desplomouse máis de 10 puntos e actualmente apenas supera o 34%. Ademais, dende finais de 2012 este indicador vén sendo superado trimestre a trimestre pola taxa de paro, que pechou 2013 no 38,1%, case catro puntos por riba da de actividade. Este é o contexto no que a Xunta anuncia o seu plan de emprego xuvenil, unha iniciativa tan demandada como anunciada mesmo polo propio Goberno e que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, presentaba este luns nunha empresa que, segundo os sindicatos, non é precisamente un paradigma de boas prácticas laborais.

No marco da súa visita á metalúrxica Exlabesa, con sede en Padrón, o titular do Executivo avanzou que o vindeiro xoves o Consello lle dará o seu visto e prace a un plan de emprego que estará en vigor durante 2014 e 2015, mobilizando "ata 100 millóns de euros para impulsar a formación, a contratación e o emprendemento entre os mozos menores de 30 anos". Esta é unha cantidade sensiblemente menor á incluída na denominada Estratexia Xuventude 2013, anunciada polo propio Feijóo en 2010 e que, segundo anunciou daquela, ía dedicar ata 500 millóns para fomentar o emprego xuvenil.

En 2010 o propio presidente anunciou 500 millóns para emprego xuvenil

Alén deste baile de cifras desta volta o Executivo asegura que vai beneficiar "a 95.000 galegos" co seu plan, con "especial fincapé nos 30.000 mozos que teñen dificultades para encontrar emprego como consecuencia do déficit de formación". Co omnipresente "emprendemento" como piar esencial, Feijóo avanza que o plan lle dá especial importancia tamén á Formación Profesional dual para que "o alumnado poida incorporarse ao mundo laboral ao mesmo tempo que realiza unha formación asociada a un título de FP, obtendo remuneración a través dun contrato de traballo ou dunha bolsa".

Un "profundo acto de hipocrisía"

A xuízo do presidente procedeu realizar o seu anuncio na visita a Exlabesa por ser "unha das empresas que asinaron contratos de formación dual" coa Xunta e porque, ademais, a compañía "recolle as claves sobre as que o Goberno galego quere sustentar a súa política para reconducir a economía: a internacionalicación, o emprendemento, a I+D+i e a formación", ademais de "reinvestir continuamente os seus beneficios na mellora de equipamentos e localizacións". Unha visión ben distinta é a que ofrece a CIG-Metal, que enmarcou as consideracións de Feijóo nun "profundo acto de hipocrisía".

A CIG asegura que a empresa eloxiada por Feijóo chegou a despedir persoal "por denunciar as condicións de traballo nas que se atopaba"

A través do seu sindicato comarcal, Benedicto Blanco, a CIG-Metal de Compostela pregúntase se "a modalidade de emprego pola que aposta Feijóo" é a desta empresa, que "aplica de forma sistemática e abusiva a reforma laboral". Así, por exemplo, o sindicato explica que a compañía "aprobou un convenio de empresa moi por baixo do convenio provincial": "mentres o grupo maís baixo da categoría no convenio provincial contempla 1.180 euros de salario base máis plus de asistencia de 4,33 euros por 25 días de traballo, no convenio de Exlabesa, na súa categoría máis baixa, cobraría 780 euros de salario base, cun incremento de só o 0,50% para 2014, do 1% para 2015 e do 1% para 2016".

A mesma empresa, asegura Blanco, promove que se "dobren quendas" ou se "fagan horas extra pagándoas a 3,20 euros, mentres que no convenio do metal están nunha media de 16,39 euros na categoría máis baixa e de 23,75 euros na máis alta". A isto, afirma, engádese que "tamén se dobran quendas en sábados e domingos e mesmo hai traballadores e traballadoras que por non poder conciliar a súa vida familiar e laboral son despedidos". "Produciuse algún despedimento -asegura- por ter acudir o traballador a unha misa pola morte dun familiar" ou "por denunciar as condicións do traballo nas que se atopaban".

Feijóo, durante a visita © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.