Tras a aprobación en Vigo e A Coruña a finais de ano e en Lugo e Santiago nos últimos días, Pontevedra vén de encarreirar os seus ao non presentar a oposición unha moción de censura un mes despois da cuestión de confianza formulada por Lores
En Vigo foi o 27 de decembro, na Coruña o 28 de decembro, en Lugo o 1 de febreiro, en Santiago o 7 de febreiro e en Pontevedra veñen de quedar encarreirados este 8 de febreiro. Son as datas de aprobación dos orzamentos municipais para 2024 nas cidades galegas, listaxe na que faltan Ferrol e Ourense, as dúas únicas urbes controladas pola dereita e que aínda carecen de contas públicas para este ano. Unha situación que en Ferrol se produce malia que o PP conta con maioría absoluta e que en Ourense vén sucedéndose desde 2020, ano desde o que se veñen prorrogando os orzamentos municipais.
En Vigo a maioría absoluta de Abel Caballero facilitou unha rápida aprobación das contas públicas, pero estas tamén saíron adiante na Coruña, Lugo e Santiago con acordos de PSdeG e BNG nas dúas primeiras urbes sumando a Compostela Aberta na terceira. En Pontevedra a situación foi máis complexa, pero vén de quedar encarreirada este xoves.
Ante a dificultade para pactar as contas co PSdeG, o alcalde pontevedrés, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, presentou unha cuestión de confianza ligada ás mesmas, un procedemento pensado na lei para facilitar a gobernabilidade dos concellos con executivos en minonría.
Esa moción de confianza debateuse o pasado 8 de xaneiro e Lores non logrou o apoio da maioría da Corporación, de xeito que a partir dese momento abriuse un prazo dun mes para que se puidese presentar unha moción de censura e mudar de rexedor. Iso non sucedeu, así que a lei prevé que agora, a partir deste 8 de febreiro, os orzamentos municipais poidan continuar a súa tramitación aínda que non conten con apoio da maioría do Pleno.
Fronte a esta situación nas cidades gobernadas pola esquerda, nas que controla a dereita é moi distinta. En Ferrol goberna desde xuño o popular José Manuel Rey Varela con maioría absoluta. En outubro, a tres meses de que rematase o ano, o goberno municipal aprobou os orzamentos para 2023. Pero os de 2024, malia as reiteradas promesas do popular de que durante o seu mandato as contas públicas aprobaríanse "en tempo e forma", seguen agardando.
En Ourense a situación é máis complexa. Tras as municipais do pasado maio PP e Democracia Ourensana volveron repartirse o control da Deputación e do Concello de Ourense. O rexedor deste, Gonzalo Pérez Jácome, goberna en minoría con 10 dos 27 escanos da Corporación e conta só con apoios puntuais do PP. O Concello vén traballando así cos seus orzamentos municipais prorrogados desde 2020.