Galicia, en campaña ata o outono

Programas electorais de diveresas formacións políticas CC-BY-SA Praza Pública

Comezan as campañas. Dende as cero horas deste venres está en marcha a carreira electoral cara ás segundas eleccións xerais en medio ano. O que no conxunto do Estado se agarda que supoña a fin do ciclo electoral iniciado coas europeas de 2014 ou, o que é o mesmo, o remate do desbloqueo para a formación de Goberno que invalidou, pola vía dos feitos, a correlación de forzas saída das urnas o 20 de decembro, en Galicia será o primeiro acto doutra cita, as eleccións galegas do vindeiro outono, cuxa data concreta aínda se descoñece.

As principais forzas políticas do país len, abertamente en privado e dun xeito máis ou menos discreto en público, o 26-X como un primeiro test dos comicios ao Parlamento de Galicia. Quen o vén facendo máis ás claras é o PPdeG. Tras o lanzamento, o pasado maio, da terceira candidatura de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia, tanto o actual titular da Xunta como o seu novo número dous, Miguel Tellado, marcaron un terreo de xogo no que a formación conservadora se sitúa nunha banda, como representante da "estabilidade", e na outra o que os populares denominan "as mareas de Podemos", forza "radical" e "extremista" que, auguran, estaría disposta a encabezar un "tripartito" da "parálise". "Non quero para Galicia a irresponsabilidade que houbo en España nestes meses, eu quero para España a responsabilidade que hai en Galicia", resume Feijóo.

Nas filas de En Marea, segunda forza en número de votos en Galicia o 20-D, as novas xerais preséntanse como unha mestura de obstáculo e oportunidade. O 26-X é un atranco, toda vez que a reedición da coalición para as novas xerais tensou ao máximo as costuras internas entre os partidos que a sustentan, amosando ás claras diferenzas entre quen foron cargos electos, a mesa de coordinación e cada unha das organizacións e mareas municipais. A non consecución dun grupo parlamentario propio no Congreso e a opción de concorrer ou non como partido instrumental, defendida fundamentalmente dende Anova e finalmente desbotada, xeraron un ambiente que contrasta, no entanto, coas boas expectativas electorais.

A oportunidade do 26-X para En Marea non é outra que aproveitar un eventual bo resultado para, en verbas de membros destacados da formación, "saír lanzados" cara ás galegas. Ese beneplácito do electorado sería un argumento de peso, asemade, para favorecer a confluencia definitiva entre os partidos de En Marea e as plataformas municipais que traballan dende hai meses no espazo das Mareas en Común.

No PSdeG a campaña das xerais xógase tamén en dúas frontes, coa principal novidade de que as persoas que integran as candidaturas ao Congreso e mais ao Senado compartirán protagonismo co novo candidato á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, para quen a carreira electoral do 26-X suporá tamén a súa primeira 'xira' de presentación polo país. Nun clima interno máis que convulso, o principal obxectivo do PSdeG é reter os 6 escanos do 20-D ou, o que é o mesmo, non ceder o escano que retivo por 8.000 votos en Pontevedra nin ningún outro, para así evitar a consolidación de En Marea como segunda forza en Galicia, como avanza o CIS que sucederá. "Os procesos son autónomos", advertía hai poucos días Leiceaga en Praza.gal, na que tamén expresaba o seu desexo de "recuperar a segunda posición". "Iso -admite- sería unha moi boa noticia", e mellor aínda se contribúe a que Pedro Sánchez sexa presidente. Resta saber, no entanto, como influiría no seo do PSdeG unha caída de Sánchez.

O que no conxunto do Estado se agarda como a fin do desbloqueo para a a formación de Goberno en Galicia é tamén o primeiro acto das transcendentais eleccións do outono

Tanto ou máis axitado que nas filas socialistas foi o clima no partido que o 20-D foi cuarta forza do país, Ciudadanos. A decisión da dirección estatal de afastar da candidatura a quen fora o seu único deputado electo, o coruñés Antonio Rodríguez, derivou nunha crise interna que culminou coa saída do partido do propio Rodríguez entre duras acusacións contra a cúpula que encabeza Albert Rivera. No seu lugar estará José Canedo, noutrora aspirante de UPyD á alcaldía de Santiago e máis á Presidencia da Xunta. Tamén muda o nome no primeiro posto da lista de Pontevedra, agora encabezada por María Rey, quen tras a configuración das listas lles lembrou aos críticos a lembrar "onde está a porta" se non concordaban coa decisión ao respecto. Malia todas estas circuntancias Ciudadanos aspira a que a campaña do 26-X lle outorgue visibilidade dabondo como para poder lograr representación no Pazo do Hórreo no outono.

O primeiro plano da campaña electoral galega complétase co BNG. Tras a fallida experiencia de NÓS-Candidatura Galega, a formación soberanista devolveulle o protagonismo ás súas siglas para, coa fórmula da coalición BNG-NÓS, afrontar a campaña da que, din, é a "segunda oportunidade" para que Galicia poida ter "voz" nas Cortes, algo que, afirman, ficou demostrado que non acontece en ausencia do Bloque. Con Luís Bará, por Pontevedra, como principal novidade nas listas nacionalistas, esta será a primeira campaña con Ana Pontón como portavoz nacional. A consecución do difícil obxectivo de recuperar a representación perdida sería para o Bloque todo un balón de osíxeno cara ao tamén complexo panorama das eleccións galegas. No entanto, unha suba notable en votos, aínda sen representación, tamén inxectaría folgos na súa base para o gran reto do outono.

Rajoy e Feijóo, nun acto de partido en Ourense © PP
Leiceaga e membros das listas do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG
Presentación da candidatura de En Marea, en Ribeira CC-BY-SA En Marea
Membros das candidaturas BNG-NÓS, con Ana Pontón CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.