Galicia no 26X: Candidaturas ao Congreso coa vista posta no Hórreo

Candidatas e candidatos do 26X CC-BY-SA Praza Pública

Nas eleccións de decembro renováronse 16 dos 23 escanos galegos no Congreso. Pase o que pase este domingo, o que suceda será moito menor. Vinte e dous dos vinte e tres deputados e deputadas que lograron asento na Cámara Baixa o 20D, os candidatos e candidatas de PP, En Marea e PSdeG, optan á reelección. Mentres, Ciudadanos aspira a, cando menos, manter o escano logrado pola Coruña, agora cun novo candidato, e o BNG apela a unha "segunda oportunidade" para recuperar a representación perdida hai seis meses. Se en algo coinciden todas estas formacións políticas é en que desenvolveron unha campaña das xerais que é, en boa medida, campo de probas para as transcendentais eleccións galegas do outono. Nesta ocasión máis ca nunca, as candidaturas ao Congreso ollan tamén cara ao Pazo do Hórreo.

PP: A aguantar con Pastor como protagonista

No PP, con 10 escanos tras unha caída considerable dende os 15 con que contaba ata decembro, a gran protagonista é a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, con escano desde 2000 por Pontevedra, a cidade e a circunscrición de orixe de Mariano Rajoy. Nesta campaña Pastor está a aproveitar o seu tirón mediático e mesmo o incrementou invitando a percorrer a súa provincia a boa parte dos seus compañeiros do Consello de Ministros. Na súa mesma lista séguea como número 3 a tamén amiga persoal de Rajoy e ex-presidenta do Parlamento de Galicia Pilar Rojo, nun posto que en decembro corría o risco de pasar a mans de Ciudadanos pero que agora parece consolidado polos populares polo desinflamento tanto da formación laranxa como do PSdeG, cuxo segundo escano si semella máis en risco.

A candidata ao Senado Paula Prado está a ter máis protagonismo que boa parte dos aspirantes ao Congreso, no que o PP non prevé aumentar os dez escanos do 20D

Aspiran tamén a manter escano o veterano deputado ourensán Celso Delgado ou os ex-alcaldes Joaquín García Díez (Lugo) e Juan Juncal (Ferrol). Pero máis protagonismo entre os populares que boa parte dos anteditos deputados estao a ter nesta campaña unha candidata a revalidar o seu escano no Senado, a santiaguesa Paula Prado. Ela é unha das caras en ascenso no PP estatal, que a está a introducir en tertulias televisivas nas que está a amosar para toda España a agresiva e incisiva retórica que a fixo ascender no Parlamento de Galicia ata converterse en voceira do PP autonómico, posto que tivo que abandonar cando foi imputada no caso Pokémon, no cal a súa investigación acabou por ser arquivada.

En Marea: Tensión latente entre expectativas á alza

Non foron poucos os membros de En Marea, tanto integrantes das listas como representantes das forzas políticas que compoñen a coalición e mais das mareas municipais, que admitiron tensións na reedición das candidaturas ao Congreso, as cales tentaron ser canalizadas na asemblea do pasado maio. O peso das diferentes formacións, as diverxencias coa liña marcada dende a mesa de coordinación, a non consecución do prometido grupo propio e mesmo diferenzas persoais marcaron o proceso previo dunha campaña que ten, se cadra máis que en ningunha forza política a ollada posta a partes iguais no 26X e nas eleccións galegas de outono. Non en van, se en algo coinciden as diferentes sensibilidades de En Marea é que un bo resultado este domingo "lanzaría" este espazo político como alternativa ao PP en Galicia.

As diversas sensibilidades de En Marea coidan que un bo resultado o 26X "lanzaría" este espazo político como alternativa ao PP en Galicia

Con este pano de fondo, dende En Marea asegúrase estar a percibir boas sensacións nunha campaña que ten escenarios diversos e que, se cadra, está a ser máis coral que en decembro. Así, Xosé Manuel Beiras dosificou moito máis as súas aparicións públicas que o 20D, e boa parte delas foron en compaña de Alexandra Fernández, cabeza de lista por Pontevedra, provincia na que, segundo o CIS, a formación pode aspirar a un terceiro escano que a igualaría co PP. Outro ritmo leva a campaña da Coruña, con Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz como protagonistas e, na última semana, tamén coa intervención do alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, que intervirá ademais no peche de campaña de Unidos Podemos, en Madrid. Nas provincias interiores tanto o lucense Miguel Anxo Fernán-Vello como o ourensán David Bruzos aseguran estar en condicións de revalidar os seus escanos, que na lexislatura fallida racharon o reparto entre PP e PSOE que se viña mantendo dende finais dos 80.

PSdeG: Ansia de recuperación despois do 'sorpasso'

A sombra do 'sorpasso', agora omnipresente nas análises sobre o PSOE e Unidos Podemos, xa pairou sobre a anterior campaña das xerais en Galicia ata facerse realidade. O PSdeG ficou o 20D por tras de En Marea, pero igualaron a seis escanos, o que contribuíu a amortecer unha caída que a actual dirección interina dos socialistas galegos aspira a recuperar. O papel que en decembro xogou José Ramón Gómez Besteiro foi desempeñado nesta campaña previa ao 26X por Xoaquín Fernández Leiceaga, elixido candidato á Xunta ás portas dunha campaña que está a lle servir, tamén, como presentación á militancia e ao potencial electorado.

Leiceaga comparte protagonismo coas cabezas de lista e aspira a non ser superado con maior claridade no segundo posto

De entre quen aspiran á reelección a candidata máis activa está a ser a cabeza de lista pola Coruña e tamén presidenta da xestora, Pilar Cancela, a quen ademais Pedro Sánchez incorporou ao seu "equipo do cambio" como potencial ministra de Agricultura. A outra provincia atlántica concentra tamén boa parte dos esforzos dos socialistas, toda vez que o seu segundo escano pontevedrés, o de Guillermo Meijón -deputado galego máis activo no Congreso nas breve lexislatura-, ficou na banda socialista o 20D por apenas 8.000 votos. O principal obxectivo do PSdeG nesta campaña é manter, cando menos, a igualdade en escanos na segunda praza, se ben Leiceaga augura "sorpresa" para o domingo.

Ciudadanos: Recambio para manter a sorpresa

Xunto á emerxencia de En Marea, a segunda gran sorpresa da noite electoral do 20D en Galicia foi que Ciudadanos lograse, con 150.000 votos, ser a cuarta forza política e tirar un escano pola provincia da Coruña. O titular dese posto nas Cortes foi Antonio Rodríguez, quen pasou de candidato practicamente inédito en campaña -chegou a fuxir da prensa para evitar as súas preguntas- a deputado e, xusto despois, a dirixente rebelde cando foi substituído como cabeza de lista por José Canedo, antes candidato de UPyD á alcaldía de Santiago e á Presidencia da Xunta.

As acusacións á candidata por Pontevedra erosionaron a campaña de C's para manter o escano da Coruña

Con Rodríguez fóra do partido a principal novidade da campaña galega do partido laranxa foi a presenza, este luns e por espazo de pouco máis de catro horas, do seu líder, Albert Rivera. Canedo pretende ser a nova imaxe dun partido que tras a súa forte crise aspira a recompoñerse cara a unhas eleccións galegas nas que pretende o papel de chave de Goberno. Polo momento, o cabeza de lista coruñés xa se presenta como garantía de que, agora si, o partido terá propostas específicas para Galicia e defenderá posicións propias en eidos como os das infraestruturas. No entanto, o seu labor de campaña veu ficando, en boa medida, erosionado polas informacións publicadas no diario ABC sobre a número un por Pontevedra, María Rey, segundo as cales a tamén concelleira falsificou unha tarxeta de aparcadoiro para persoas con discapacidade e ocultou a súa actividade empresarial.

BNG: Á procura dunha "segunda oportunidade" para ter "voz propia"

As novas eleccións xerais chegaron para o BNG, probablemente, no peor momento posible. Tras os "resultados malos sen paliativos" colleitados por NÓS-Candidatura Galega en decembro, o Bloque volve poñer as súas siglas en primeiro plano para o que define como "segunda oportunidade" de ter "voz propia" e de poñer sobre a mesa un programa de "emerxencia social e nacional" nun panorama no que, aseguran, o voto "dun deputado nacionalista" pode "desequilibrar" a balanza do vindeiro Goberno de España.

O Bloque aspira a mellorar o resultado de decembro nunha campaña con forte presenza de Ana Pontón

As listas do BNG neste 26X están encabezadas polas mesmas persoas que lideraron as de NÓS agás en Pontevedra, onde Luís Bará remudou a Carme Adán. O número un pola Coruña, Carlos Callón, está a ter máis protagonismo, toda vez que, a priori, a coruñesa sería a circunscrición con máis posibilidades de obter representación, se ben o ton coral entre candidatos e candidatas está a marcar unha campaña na que a nova portavoz nacional, Ana Pontón, está a realizar o seu primeiro gran percorrido polo país como candidata á Xunta. Alén da aspiración de obter representación -que, segundo o CIS, non se produciría-, o horizonte do Bloque pasa por mellorar en votos para iniciar nunha mellor posición relativa que despois do 20D a crucial campaña galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.