Galicia queda tras o 12X como unha das dúas autonomías sen representación institucional de Vox

Vox obtivo o 2% de voto o 12X en Galicia e só superou o 5% nun concello CC-BY-SA Praza Pública

A extrema dereita volveu fracasar en Galicia. Como lle ocorrera nas eleccións xerais do pasado 10 de novembro, onde non consegueu deputado en ningunha provincia, ou nas municipais de hai pouco máis dun ano, tamén sen concelleiros, Vox quedou sen representación no Parlamento galego. Acadou algo máis de 26.000 votos e foi quinta forza, pero tan só co 2% dos votos, moi lonxe do 5% mínimo para poder entrar na Cámara.

De feito, Vox non superou ese 5% en ningún concello de Galicia agás en Ribeira, aínda que quedou preto noutro como Carballeda de Valdeorras e alcanzou case o 3,5% en Monforte de Lemos, Avión ou Sada.  

Vox acadou algo máis de 26.000 votos e o 2%, quedando lonxe da entrada no Parlamento

Galicia queda agora, xunto a Navarra, como a única comunidade autónoma na que Vox non ten representación institucional: nin no Congreso, nin no Senado, nin no Parlamento autonómico nin en concello ningún. En Euskadi, o outro territorio no que a extrema dereita se mantiña sen cargo público, a formación de ultradereita logra entrar na Cámara malia non chegar nin ao 2% do apoio (1,93%) e obter pouco máis de 17.500 votos. O 3,7% obtido en Araba outorgoulle un escano por esa provincia. 

Así, ademais do Parlamento galego, Vox tampouco ten representación nos de Castilla-La Mancha, La Rioja, Canarias, Catalunya, Extremadura e a propia Navarra. No entanto, en todos eses territorios, agás na comunidade foral e na rioxana, a extrema dereita obtivo deputados nos últimos comicios xerais. En La Rioja, onde non ten representantes nas cámaras autonómicas nin estatais, si ten un concelleiro na localidade de Calahorra. 

Galicia e Navarra son as únicas comunidades sen representación de Vox: nin no Congreso, nin no Senado, nin nos parlamentos autonómicos nin nos concellos

Vox non callou coa súa mensaxe nas eleccións autonómicas, logo de obter o 7,8% nas pasadas eleccións xerais e quedar a un paso do BNG, ao que superou en Lugo e Ourense, onde fora cuarta forza. Desta vez, e polo camiño a extrema dereita deixouse uns 90.000 votos, malia as súas intencións --e verbalizadas esperanzas-- de entrar no Parlamento autonómico e pescar no caladoiro do PP. O Bloque triplicou resultados. 

Nos comicios locais de 2019, Vox tampouco obtivera representante ningún e sumara un total de 9.575 votos nas 13 localidades onde presentara candidatura, o 0,6% do total de sufraxios. Nas europeas, celebradas naquel mesmo 26 de maio, superara os 37.000 votos en Galicia, obtendo o 2,6%, un apoio que só fora menor no País Vasco (1,2%) e Catalunya (2%) de entre o conxunto do Estado. 

A dirección estatal de Vox atribuíu o seu fracaso ao mínimo do 5% de apoio por circunscrición para poder entrar no Parlamento. No entanto, co limiar anterior do 3%, a extrema dereita non tería entrado tampouco na Cámara galega. Superou por pouco o 2% nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense e nin tan sequera chegou a esa cifra (1,94%) en Pontevedra. 

Beatriz Pino, candidata de Ciudadanos á presidencia da Xunta ns eleccións galegas © Ciudadanos

Ciudadanos volve caer e non chega ao 1%

Por outra banda, e no caso de Ciudadanos, a formación laranxa volveu ser outra das grandes perdedoras da noite electoral do 12X. O partido obtivo menos de 10.000 votos e un 0,75% de apoio, caendo en máis de 2,5 puntos e perdendo preto de 40.000 sufraxios respecto das últimas eleccións autonómicas. 

O resultado foi peor que o das eleccións xerais do pasado novembro, cando Ciudadanos obtivera máis de 63.000 votos e o 4,32%, aínda que quedara tamén sen representación galega no Congreso dos Deputados. Nas pasadas eleccións municipais de maio de 2019, a formación laranxa quedara no 1,9% e con menos de 30.000 votos que, no entanto, outorgáranlle 33 concelleiros e un representante na Deputación de Ourense. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.