Guía para repasares antes de ir votar

Sobres de votación nas eleccións xerais CC-BY-SA Praza Pública

Horror vacui. Dende as cero horas deste sábado, 19 de decembro, os partidos políticos teñen prohibido pedir o voto e os medios de comunicación móvense polo incerto territorio de contar o que deu de si a campaña sen transgredir a, por veces, decimonónica lexislación electoral española, a mesma que obriga a ir procurar enquisas a Andorra igual que noutrora se andaba ao estraperlo na fronteira galego-portuguesa ou, quen podía, facía horas de coche para ver filmes 'prohibidos' en Francia. No entanto, si é posible recompilar algúns datos para repasar devagar nesta estraña xornada de reflexión, ás portas do Nadal, antes dun domingo de eleccións que se prevé apaixonante.

Dende as cero horas do sábado os partidos teñen prohibido pedir o voto para as súas candidaturas aos 23 postos no Congreso e 16 no Senado que elixe Galicia

Comecemos polo esencial: que se elixe este domingo, nomeadamente dende Galicia? Nada máis e nada menos que 23 deputados e deputadas -8 pola Coruña, 4 en Lugo e Ourense e 7 por Pontevedra- e 16 membros do Senado -4 por circunscrición-. Se alguén, polo tanto, vai procurar unha papeleta encabezada por Mariano Rajoy, por Pedro Sánchez, Pablo Iglesias, Albert Rivera, Alberto Garźon ou calquera outro líder estatal, non a vai atopar. É ás persoas que compoñan o novo Congreso ás que, a partir de mediados de xaneiro, lles corresponde decidir co seu voto quen ten a encomenda de presidir e formar o novo Goberno de España. E pode ser un destes líderes ou mesmo calquera outra persoa que os grupos consideren.

Ata o momento, a suma de deputados e deputadas polas circunscricións galegas ficou configurada tal e como amosa a gráfica que acompaña estas liñas. Tras ir perdendo polo camiño ata 4 escanos por mor das sucesivas baixadas de poboación, en 2011 o PP tivo 15 dos 23 escanos en xogo, o PSdeG sumou 6 e o BNG, os 2 restantes.

Para sentar neses 23 postos presentan as súas credenciais ata 13 forzas políticas no conxunto do país. Nas catro circunscricións galegas haberá papeletas de PP, PSdeG, NÓS, En Marea, Ciudadanos, PACMA, UPyD, Recortes Cero e Partido da Terra. En todas, agás Ourense, concorren tamén os Comunistas da Galiza e na circunscrición ourensá faino Ourense pola Esquerda. O electorado da Coruña ten, pola súa banda, tamén a posibilidade de optar por aspirantes a deputados e deputadas de SAIN ou VOX.

En boa parte dos discursos e programas das formacións que fixeron campaña en Galicia houbo alusións ao desenvolvemento da economía, do emprego e da sociedade en xeral nestes últimos catro anos. Son, obviamente, opinións que van dende unha mellora incuestionable ata un desastre total. Alén do lexítimo e persoal parecer de cadaquén, hai unha serie de datos que poden servir para apoiarse neste reflexivo sábado. Mídense en números totais de persoas -poboación, paro, actividade, ocupación, afiliación-, en termos porcentuais -crecemento, contratación-, en euros -salarios, prezos do leite- ou en millóns de euros -depósitos, créditos, débeda da Administración-.

Se, chegada ou chegado a este punto da reflexión, aínda che gustaría dispoñer de algún elemento máis, podes achegarte aquí, ao carón, e facerte sete preguntas sobre o proceso electoral. Será unha xornada apaixonante sobre a que cabe cuestionarse se funcionará ou non o 'voto útil', a incidencia das normas electorais no resultado final, a influencia da chuvia e mesmo dos políticos metidos a 'youtubers'. Algunhas respostas podes procuralas aquí e, as respostas definitivas do 20-D, en Praza.gal e mais en Radio Praza dende as 19:50 do domingo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.