Impagos de soldos arriscan a seguridade de 17 centros de servizos sociais da Xunta e precipitan un contrato de emerxencia

Vista do centro Santo Anxo de Rábade, un dos afectados polo incumprimento da empresa de seguridade, e fragmentos do expediente de Política Social CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

No verán de 2020, a empresa andaluza Mersant Vigilancia logrou a adxudicación do contrato do servizo de vixilancia e seguridade de 17 centros de servizos sociais da Xunta, entre elas varias residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade e mais varios centros de menores. O servizo foi adxudicado por 2,06 millóns de euros para un período dun ano, ata finais de agosto de 2021, e pouco antes do vencemento a Consellería de Política Social optou pola opción de prorrogalo por un ano máis.

Mentres todo isto sucedía, dende finais de 2021 comezaron a agromar as protestas de persoal de Mersant por faltas de pagamento de salarios. Tratábase, denunciaban, dunha práctica recorrente por parte da compañía e sinalaban que estaba a afectar á seguridade de contornas tan sensibles como dous centros de menores, o Avelino Montero de Pontevedra e o Santo Anxo de Rábade. A situación, denunciada por sindicatos e tamén por BNG e PSdeG no Parlamento, agravouse e vén de derivar nun contrato de emerxencia para substituír a empresa debedora. 

Fragmentos do expediente de Política Social sobre o impago de soldos de Mersant e a resolución do contrato e visto e prace (dereita) do Consello da Xunta CC-BY-NC-SA Praza.gal

Un expediente de Política Social datado no pasado 21 de febreiro febreiro acredita que foron estes centros os primeiros en teren problemas de seguridade a causa do acontecido coa empresa adxudicataria. Non en van, os impagamentos derivaron en que, por exemplo, algúns traballadores optasen por non cubrir baixas doutros compañeiros ata non recibiren os seus salarios. 

A falta de pagamento de salarios por parte de Mersant Vigilancia chegou a provocar a "ausencia total de vixilantes" nalgunhas instalacións, segundo o expediente de Política Social, que admite que os primeiros prexudicados foron senllos centros de menores de Pontevedra e Rábade

A prestación do servizo comezou a ser "defectuosa" por parte de Mersant, describe o documento, porque "non está a substituír a todos os vixilantes de seguridade ausentes por incapacidades temporais, vacacións...", o cal provocou que o servizo se prestase con menos efectivos e "chegando mesmo á ausencia total de vixilantes en determinados centros e horarios nos que, segundo os pregos, debería haber varios vixilantes de xeito simultáneo". 

O Avelino Montero de Pontevedra é un centro para "mozos en situacións de conflitividade social suxeitos a medidas xudiciais de internamento" e o Santo Anxo é un centro específico de protección de menores "en situación de garda ou tutela administrativa con trastornos graves de conduta". Ademais, a Consellería tamén constatou "problemas debido á ausencia de vixilantes" na residencia xuvenil Lug I, na cidade de Lugo.

Centros da Consellería de Política Social incluídos no contrato de seguridade privada adxudicado a Mersant en 2020 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Sempre segundo a documentación de Política Social, ante estas eivas a propia Xunta iniciou varios expedientes de imposición de penalidades ao contratista" para "reconducir a situación", pero "o problema non só non se arranxou", senón que se "incrementou" e "estendeu a outros centros". Esta é a razón pola que deu en rescindir o contrato e en iniciar outro de emerxencia para adxudicalo directamente á compañía Sasegur, que xa prestaba servizos de seguridade para a Xunta noutras instalacións. A operación ascende a 33.000 euros e foi notificada ao Consello da Xunta o pasado 3 de marzo, pero o Goberno galego non a incluíu na referencia pública sobre os asuntos tratados.

Tras a adxudicación de emerxencia do novo contrato para remudar a Mersant, a Consellería respondeu as preguntas que BNG e PSdeG formularan ao respecto a comezos de ano e sinala os "atrasos no pagamento de salarios" como orixe do conflito

Cinco días despois de que o Consello dese o visto e prace definitivo á decisión, Política Social admitía o acontecido rexistrando senllas respostas ás preguntas que, entre finais de xaneiro e principios de febreiro, presentaran BNG e PSdeG no Parlamento sobre as eivas de seguridade nos devanditos centros de menores. O departamento que dirixe Fabiola García admite que Mersant "comezou a almacenar atrasos no pagamento dos salarios" dende o pasado decembro, cos consecuentes "defectos" no servizo salferidos de "infrutuosos intentos de comunicación" coa compañía.

"O obxectivo da Xunta -defende a Consellería- foi sempre o de velar pola seguridade dos menores" e por iso realizou a adxudicación de emerxencia ata que se tramite un contrato novo por vías ordinarias. Tamén quixo, di "poñer fin no menor tempo posible á situación de falta de pagamento aos traballadores". Así e todo, conclúe, "será a Xustiza a que asista este traballadores e lles recoñeza o dereito ao cobro das mensualidades que a empresa deixou sen pagar".

Persoal de Mersant protesta ante o edificio administrativo da Xunta en Lugo polo impagamento de salarios, en xaneiro deste 2022 CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.