O BNG denuncia que a Xunta tivo sen escolarizar durante un mes a cinco residentes nun centro de menores e Educación négao

Centro de protección de menores Santo Anxo de Rábade, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

O Santo Anxo de Rábade é un centro de protección de menores de titularidade e xestión directa por parte da Xunta. Ten 32 prazas autorizadas, segundo os datos máis recentes da Consellería de Política Social -aínda que non todas están ocupadas-, e nel residen menores de idade baixo garda ou tutela da Xunta por estaren "en situación de risco ou desamparo no seu núcleo familiar". O propio Goberno galego explica que no Santo Anxo reciben atención adolescentes a partir dos 14 anos cuxos "problemas de conduta desaconsellan a súa convivencia" con infancia de menos idade.

Olalla Rodil (BNG) afirma que "cinco rapaces deste centro estiveron durante un mes sen escolarizar por falta de profesorado" e reclama unha investigación ao respecto

Alén das medidas reeducativas adaptadas "ás súas circunstancias persoais e sociofamiliares" desenvolvidas por profesionais da educación social ou da psicoloxía, entre outras, o Santo Anxo ten tamén un centro escolar asociado no propio recinto, destinado a que os menores que alí residen sigan o nivel de estudos que lle corresponda. Segundo denuncia a vicevoceira parlamentaria do BNG e deputada desta formación por Lugo, Olalla Rodil, ata cinco menores en réxime de protección neste centro "estiveron sen escolarizar durante un mes", circunstancia que a Xunta nega.

Centro educativo asociado ao centro de protección de menores Santo Anxo de Rábade CC-BY-SA Xunta

Sinala Rodil que, tras comprobar o acontecido, decidiu trasladar ao Parlamento o que considera unha "situación inaceptable", xa que "cinco rapaces deste centro permaneceron durante un mes sen escolarizar por falta de profesorado". Aínda máis, afirma, "agora teñen funcionando o centro educativo vinculado ao centro de protección de menores con apenas dúas profesoras con contratos de media xornada".

Política Social remítese a Educación, que asegura ter "garantido en todo momento o plantel de profesorado necesario para atender as necesidades educativas do centro"

Cómpre, sinala a parlamentaria, que a Xunta abra "unha investigación interna, de oficio, para que se diriman todas as responsabilidades" e para "aclarar como é posible que houbese cinco menores sen escolarizar durante un mes", toda vez que se estaría quebrantando tanto un dereito dos propios estudantes como "unha obriga da Administración". É preciso, agrega, que o Santo Anxo conte "con todos os recursos, tanto humanos como materiais; por suposto para o centro de protección, pero tamén para o centro educativo e así garantir o dereito fundamental á súa educación, como a de calquera outra nena ou neno", conclúe.

Preguntada ao respecto por Praza.gal, a Consellería de Política Social remitiuse á de Educación, que asegura ter "garantido en todo momento o plantel de profesorado necesario para atender as necesidades educativas do centro Santo Anxo de Rábade". Agrega o departamento que dirixe Román Rodríguez que "debido ás características especiais do centro", cun número de estudantes que "flutúa día a día" e "ás distintas casuísticas persoais", a dispoñibilidade do persoal docente "adáptase á situación de cada momento". Así, agrega a Consellería, o profesorado do Santo Anxo mesmo imparte "clases en xornada de tarde" para "os que, polas circunstancias que for, non poden asistir pola mañá".

Olalla Rodil, vicevoceira parlamentaria do BNG e deputada por Lugo CC-BY-NC-SA BNG

Nos últimos anos, o centro Santo Anxo vén sendo escenario de diversos incidentes e, derivados destes, de protestas por parte do persoal, que viña asegurando que a súa mala situación derivaba en "descontrol" e "maltrato institucional" aos menores, sinalaran en declaracións recollidas polo xornal El Progreso. Recentemente, nunha resposta parlamentaria ao PSdeG, Política Social resaltou que mantivera diversas xuntanzas co persoal e que está a "realizar unha análise máis detallada dos perfís dos mozos e mozas" alí atendidos ou con propostas de seren enviados alí para "asegurar que o centro Santo Anxo de Rábade sexa o idóneo para desenvolver un traballo integral que garanta a súa protección".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.