Inés Sabanés: "A xente xa non quere que os partidos lle dean as respostas, quere construílas"

Inés Sabanés CC-BY-NC-SA petitsetmaman

Inés Sabanés (Lleida, 1953) participou na fundación de Izquierda Unida en 1986 e chegou a ser deputada no Congreso, así como concelleira en Madrid e deputada rexional e voceira na Asamblea da comunidade autónoma. O pasado ano abandonou a coalición para unirse ao proxecto de Equo, polo que se presentou ás eleccións xerais como número 2 por Madrid, onde a fomación ecoloxista obtivo 65 mil votos, mentres que en Galicia ficou en 10 mil. Este xoves ofreceu na Coruña unha conferencia sobre "o futuro da esquerda", organizada pola Asociación Cultural Namentras. Na súa oonferencia Sabanés fixo fincapé na necesidade de que a esquerda aborde procesos de converxencia coas organizacións sociais e coa cidadanía, salientando que "a pesar das urxencias e das travesías que nos poden agardar, saber onde nos diriximos e como é máis importante que apuntalar vellas estruturas".

"Os percorridos tácticos, de curto alcance e dende unha lóxica electoral e de representación, dos partidos sen a cidadanía non son eficaces"

Debe reconfigurar a esquerda o seu discurso e os seus mecanismos de relación coa sociedade?

Hai unha preocupación social compartida polos avances da dereita, polos recortes e por medidas que xa se iniciaron co Partido Socialista, pero a evolución da crise puxo de manifesto a necesidade de pensar noutras claves e noutra cultura política para as esquerdas. Os percorridos tácticos, de curto alcance e dende unha lóxica electoral e de representación, dos partidos sen a cidadanía non son eficaces. Ese modelo é o que levou a que neste país haxa unha hexemonía sen precedentes na democracia dos valores conservadores, das políticas e do poder da dereita en todas as institucións. Produciuse unha derrota profunda, por iso máis que unha alianza táctica de reacción hai que avanzar cara a un proceso que supere os modelos clásicos de partidos, que supere as lóxicas cuantitativas de representación, que estea en contacto coas reivindicacións cidadás e que teña en conta novos paradigmas: reivindicación climática, pobreza, xustiza universal... Ten que haber unha nova forma de facer e estar en política.

Hai que ir cara a partidos máis misturados coa sociedade civil, que sexan simples instrumentos en mans da cidadanía e dos movementos sociais?

Hai que ser conscientes que os modelos clásico de partidos están superados, sobre todo na esquerda. Iso non é contraditorio con que sigan tendo un papel os partidos, os sindicatos..., e que todos nos sumemos na rúa nunha mobilización, por exemplo. Pero o que hai que eliminar é iso que Subirats chama “a peaxe dos partidos”, que se atribuíron o monopolio da representación e da interlocución. Xa non se pode pensar nesa política endogámica, institucionalizada e burocratizada. A xente xa non quere que os partidos lle dean as respostas, quere construílas. Foi a mensaxe que saíu da rúa. Hai que ver se os partidos se atreven a dar ese paso e a interactuar de ti a ti cos cidadáns. A xente reclama formulacións en rede, máis abertas, na era dixital. Hai que traballar sumando esforzos polo común e recuperar espazos públicos.

"Hai que ver se os partidos se atreven a dar ese paso e a interactuar de ti a ti cos cidadáns"

Iso pode aplicarse tamén á convocatoria dunha folga xeral, que legalmente debe ser convocada polos sindicatos, pero no que a sociedade debe ser protagonista?

Estámonos xogando o noso Estado de Benestar, neste momento queren dinamitalo. Os sindicatos, aínda que sexa pola presión externa, están pensando na necesidade que que haxa mobilizacións claras e contundentes para parar esta reforma, que é unha regresión sen precedentes. Todo o mundo ten que facer unha lectura proactiva do que significa sumar esforzos, para que tanto a convocatoria de folga coma as mobilizacións sirvan realmente para mover esta situación. É unha grande oportunidade para que todos apliquemos todo o que dixen anteriormente. Por exemplo o movemento 15M sumouse, aínda que fose de forma crítica, ás mobilizacións deste domingo contra a reforma laboral.

En que momento está Equo?

Temos o congreso en xuño e ese será un momento especialmente importante, a pesar de que temos pouco medios e tivemos moitas convocatorias electorais seguidas. Avanzamos moito e agora hai un espazo que conecta coas novas contradicións deste mundo, comezando polos límites deste modelo de desenvolvemento que necesita alimentarse cada día de máis barbarie para seguir funcionando. Iso e a comprensión desa radicalidade democrática fan que Equo teña un espazo moi relevante.

Inés Sabanés Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.