"Inquietude" nas autonomías plurilingües porque Google "relega" os idiomas oficiais diferentes do castelán

Reunión de conselleiras, conselleiros e responsables de política lingüística das autonomías plurilingües, coa participación de Valentín García (segundo pola esquerda), este 28 de marzo en Palma © Govern Illes Balears

No ano 2007, os gobernos galego, vasco e catalán uníronse nun protocolo para impulsaren conxuntamente o galego, o éuscaro e o catalán sobre a base da Carta Europea das Linguas. Co paso dos anos, o documento foi alargando o seu contido e tamén os gobernos que impulsan, ata contar co apoio formal de todas as autonomías plurilingües, que se reúnen regularmente para revisar a súa vixencia e concretaren reivindicacións e accións.

Os gobernos asinantes do protocolo de colaboración en materia lingüística de 2007, entre eles a Xunta, xúntanse en Palma para revisar o acordo e planificar accións conxuntas neste 2023

No verán do pasado 2022 a Comisión de Seguimento deste protocolo reuniuse en Santiago coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta como anfitrioa e esta semana vén de volver facelo en Palma nunha xuntanza abeirada polo Goberno balear. Entre os asuntos abordados no encontro, no que Galicia estivo representada polo responsable da SXPL, Valentín García, estivo a "inquietude" dos participantes polo feito de que Google e outros buscadores de internet prexudiquen o uso normal das linguas oficiais do Estado diferentes do castelán.

Xuntanza da Comisión de Seguimento do Protocolo de Colaboración en Materia Lingüística, este 28 de marzo en Palma © Govern Illes Balears

Segundo o comunicado conxunto elaborado polos gobernos participantes -o cal, á hora da elaboración da presente información, a Xunta aínda aínda non divulgara-, os membros do protocolo "comparten" esta inquietude por que eses motores de busca, con Google á cabeza, "releguen os resultados obtidos" en galego, éuscaro ou catalán fronte ao castelán. "Os gobernos -indican- intercambiaron a información dispoñible para cada lingua e expresaron a súa confianza en que o problema se resolva, xa que afecta de forma directa ao uso das linguas en internet".

Os gobernos participantes acordan dirixirse "ás principais plataformas de contido audiovisual" para pedirlles "unha oferta suficiente de produtos dobrados ou subtitulados" ao galego, éuscaro e catalán alén do "avances recentes" e subliñan que pediron o mesmo a RTVE, especialmente para as súas canles infantís e xuvenís

Outro dos acordos da xuntanza foi dirixiren un escrito conxunto "ás principais plataformas de contido audiovisual" para "trasladarlles a importancia de que exista unha oferta suficiente de produtos dobrados ou subtitulados" nas linguas oficiais que non son o castelán. Recoñecen, non obstante "avances recentes" neste terreo como o acordo da SXPL que propiciou, no pasado 2022, a incorporación de 70 títulos internacionais subtitulados ou dobrados ao galego no catálogo de Netflix.

Neste ámbito, os gobernos asinantes do protocolo tamén abordaron unha "reunión mantida" con Radio Televisión Española para que a corporación dos medios públicos do Estado "adopte medidas para ofrecer contidos nas linguas oficiais diferentes do castelán" en "cumprimento" da lei audiovisual. Esta petición diríxese "especialmente" á canle Clan TVE ou á plataforma Playz, de contidos infantís e xuvenís.

A inclusión do galego, o éuscaro e o catalán na Plataforma Online Linguistic Support, que utiliza o alumnado do programa Erasmus estivo tamén sobre a mesa dunha xuntanza que abordou as accións conxuntas para 2023. Entre elas, informan, figura a "coedición de textos que contribúan a promover a diversidade lingüística do Estado en todas as linguas oficiais, dirixidos ao público en xeral e en especial ao ámbito educativo" como "recurso para abordar o novo currículo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.