A multitude de carteis colocados en numerosas vilas do país alusivos ao financiamento por parte da Unión Europea de determinados proxectos de recuperación económica son só testemuña da decadencia desas vilas e do escaso rendemento que se lle tirou aos fondos comunitarios previstos para a dinamización económica.
Moitos deses proxectos foron xestionados polos responsables políticos do interior galego, tanto deputacións coma concellos, e hoxe son inmobles pintados por fóra e baleiros por dentro. Un dos máis representativos é o proxecto Estacións, que auspiciou o anterior presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar. A idea do “barón” popular de recuperar as vellas estacións de tren e os apeadeiros para convertelos en museos concretouse nun orzamento global de 6,2 millons de euros. As estacións remodeladas son Os Peares, Santa Cruz de Arrabaldo, Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Campobecerros e Vilavella.
Baltar gastou 6'2 millóns de euros en recuperar apeadeiros que hoxe seguen pechados
Todo comezou a fraguarse no comezo da década, cando a economía non estaba en recesión e viñan cartos de Bruxelas. Baltar presentou con toda a solemnidade as obras que co seu desenvolvemento faría posible artellar unha rede de museos etnográficos. Na actualidade, as obras nalgún caso rematáronse, noutros quedaron a medias e o resto dos museos están pechados.
Os socialistas de Ourense concretaron a funcionalidade destas edificacións. En Peares, aldea do presidente da Xunta e onde se inaugurou o Museo do Ferrocarril, o apeadeiro abre dúas veces á semana, a cantina histórica é unha tasca -que está pechada- e non hai ningún centro de interpretación. En parecida situación atópase Santa Cruz de Arrabaldo, onde segundo os socialistas non hai ninguén porque está pechada cunha cadea, e en Baños de Molgas a cantina histórica é un bar restaurante, os museos só abren 28 horas á semana e o albergue está pechado. O caso das estacións de Vilar de Barrio, Campobecerrros e Vilavella é aínda peor, pois están pechadas e “totalmente abandonadas”.
Investíronse 13,5 millóns en 107 depuradoras que non se utilizan polo seu elevado custe diario
Outras das iniciativas sufragadas con cartos comunitarios foron as depuradoras de auga. En total 107 máquinas repartidas en 62 concellos cun custe de 13,5 millóns de euros. Destinadas a pequenas poboacións como Beade, estaban pensadas na súa orixe para a instalación en barcos de guerra da mariña norueguesa e na actualidade permanecen sen funcionar debido ao alto custe que supoñen para as arcas públicas, 8.000 euros ao mes só en electricidade.
Pero a falta de previsión das administracións públicas non só se circunscribe á Deputación. Pequenos concellos coma o de Pobra de Trives ou Vilamartín de Valdeorras, gobernados daquela polo PP, levaron a cabo proxectos faraónicos que non teñen uso na actualidade. En Vilamartín levantouse o Centro Cultural Santa Lucía, que conta con tres andares correspondentes a un auditorio, sala de informática e biblioteca. Agás o patio de butacas, todo esta baleiro. O orzamento do inmoble supera os 380.000 euros e aínda non está rematado.
Sucede algo semellante co centro de interpretación da Vía Nova. Situado no centro da vila, creouse con obxectivo de servir de punto de información aos viandantes da antiga calzada romana entre Braga e Astorga e financiouse con 126.084 euros a cargo do programa europeo INTERREG III. Na actualidade está desprovisto da funcionalidade orixinal e fai funcións de sala de internet.
O PSOE dirixiráse á Comisión Europea para que acredite como se empregaron estes fondos públicos
Na Pobra de Trives, o alcalde do PP na pasada lexislatura presentou a rehabilitación do Colexio Santa Leonor como unhas das fazañas do seu mandato. Hoxe fai funcións de centro de interpretación e museo da infancia. Normalmente está pechado e para velo en marcha hai que pedir cita. Segundo os datos oficiais a inversión na obra acadou os 901.518,16 euros achegados por distintas institucións europeas. Na localidade de Rubiá de Valdeorras, que conta con 1.590 habitantes, financiouse con cargo aos fondos FEDER a actual Casa da Cultura cuxa execución superou os 420.000 euros. Non fai funcións de biblioteca e non ten actividade practicamente en todo o ano.
Os socialistas anunciaron este luns, a través do seu voceiro na Deputación, que os eurodeputados socialistas se dirixirán á Comisión Europea para que acredite como se gastaron todos estes millóns de euros e se todos teñen o visto e prace das institucións comunitarias.