“Conseguimos que o escano do BNG fose o escano de Galicia no Parlamento”

Ana Miranda © Delmi Álvarez

Leva case ano e medio ocupando a súa praza no europarlamento e nos vindeiros meses deixaralle o posto a outro dos representantes da coalición Europa dos Pobos-Verdes. O sorriso permanente e o traballo constante, para representar Galicia e facer presente nas institucións europeas os problemas e reivindicacións do país. Un Parlamento no que malia estar lonxe- lembra sempre- ás veces os cidadáns teñen un acceso máis sinxelo que na propia cámara galega. Falamos con ela, acabada de chegar de Bruxelas, no Airas Nunes de Santiago de Compostela.

"O segundo logro foi o feito de darlle voz directamente á cidadanía, que nós fósemos unha canle, conseguimos que este escano fose unha ponte, un camiño que ida e volta, para levar os problemas galegos alá, pero tamén para traer alternativas europeas"

Como valoras este ano e medio de actividade no Parlamento europeo?

Creo que o máis importante neste tempo foi que conseguimos que o escano do BNG fose o escano de Galiza no Parlamento. Creo que iso hoxe teno claro todo o mundo: os nosos votantes, pero tamén o resto de forzas políticas. Nós non temos a exclusividade dos temas galegos, dende logo, pero a nosa presenza garante que se fale de Galicia. O segundo logro foi o feito de darlle voz directamente á cidadanía: que nós fósemos unha canle, conseguimos que este escano fose unha ponte, un camiño que ida e volta, para levar os problemas galegos alá, pero tamén para traer alternativas europeas. Despois, defender unha Europa diferente: unha Europa de esquerdas, dos pobos, unha Europa social... Falar dos temas galegos, pero non só: falar do Sahara, de Palestina, dos mapuches..., defender esa conciencia de que Galicia non é un pobo illado, de que Galicia ten unha visión internacional.

Nunha rolda de prensa, hai uns meses, destacaches que o Parlamento europeo estaba lonxe xeograficamente, pero que para certas cuestións estaba máis cerca da cidadanía do que a propia cámara galega. Seguimos sentindo lonxe de máis o europarlamento?

Para moitos temas as xanelas do Parlamento galego están pechadas, e en cambio o Parlamento europeo fica perto, pero fica perto porque hai unha intermediación dunha organización política que di: “o primeiro que teño que facer é traer aquí a cidadanía”. Pero en xeral o Parlamento europeo está lonxe, e está lonxe porque aos propios estados membros non lles interesa que estea cerca. Por que? Porque podemos boicotear o orzamento comunitario, temos poder. E aí hai un pulso entre o Consello e o Parlamento. E sobre todo agora, con 21 estados gobernados pola dereita. Neste momento goberna Europa a dereita e a ultradereita, e dá un pouco de arrepío. E eu son profundamente europeísta, pero critico totalmente o proxecto da UE tal é como vai agora. Se esta fose unha Europa máis social, máis participativa..., a visión da xente sobre as institucións europeas cambiaría. Pero hai que estar aí, porque decídense moitísimas cousas.

"Para moitos temas as xanelas do Parlamento galego están pechadas, e en cambio o Parlamento europeo fica perto, pero fica perto porque hai unha intermediación dunha organización política que di: “o primeiro que teño que facer é traer aquí a cidadanía”

Somos conscientes da importancia do Parlamento?

É moi importante, abofé. Fíxate, a comezos do pasado ano comezou a debaterse o marco financeiro, e con el o futuro dos fondos de cohesión para Galiza. Algo importantísimo: pasar de ter 5.600 a ter a metade ou menos. Demos roldas de prensa, tratamos de concienciar o país, e casi ningún medio se fixo eco. E despois Feijoo quixo vender esas negociacións coma un éxito, cando estamos perdendo 1.200 millóns de euros. Aceptamos que somos un país rico? Venderon unha moto falsa, e estou decepcionada con que a xente non vexa estas mentiras.

O funcionamento das institucións europeas está falseando a democracia?

Falla o método comunitario. O Parlamento europeo ten capacidade de decisión, pero despois o Consello rebaixa o que nós aprobamos. O Parlamento europeo é democrático, a dereita ten maioría e hai que aceptalo, pero o problema chega despois. Por iso hai que darlle máis poder ao Parlamento.

É máis doado para unha minoría, como é a coalición Europa dos Pobos, ou como o grupo de ALE, facerse oír e ter influencia real no Parlamento europeo ca noutras cámaras?

Estamos mellor tratados que o Grupo Mixto no Congreso, por exemplo. E hai máis liberdade, sobre todo para intervir e para falar. É outro concepto de democracia. E nós, o BNG, temos unha presenza, pero tamén é porque a traballamos.

"O colexio de comisarios pode tomar unha decisión política, sobre todo en función do dano social que esta decisión pode provocar. Pero, desgraciadamente, creo que vai haber unha multa"

E ademais é un traballo que vén de moitos anos atrás, primeiro con Camilo, despois contigo, sempre con moito traballo detrás...

Si, somos moi pesados os dous (risas), sempre insistindo, sempre meténdonos en todos os temas...

Como ves o tema do naval? Hai algunha posibilidade de mudar esta situación dende o Parlamento europeo?

PP e antes o PSOE fixeron as cousas mal co naval, moi mal. Posibilitaron un método de financiamento que é case ilegal. Hai un marco legal europeo, que pode gustarnos ou non, e sabes que o que fas é ilegal e que pode ser recorrido... E despois negociaron moi mal en todo momento. En maio do pasado ano Almunia explícame que o expediente estaba incompleto, cóntollo a Ana Pontón, que o di no Parlamento galego, e é daquela como se descobre todo, que non fixeran ben o seu traballo. Agora todo depende dunha decisión política, o colexio de comisarios pode tomar unha decisión política, sobre todo en función do dano social que esta decisión pode provocar. Pero, desgraciadamente, creo que vai haber unha multa, porque non confío moito en Almunia. E Feijoo nunca tomou a decisión de defender Galicia neste tema, como un tema de país.

Tamén chegaron nas últimas semanas malas novas relacionadas coa política agraria común e coa política pesqueira. Como rematarán estes dous asuntos? Parece que por moito que estes sectores produtivos se modernicen nunca é suficiente...

Nós defendíamos unha política agraria “xusta, verde e moza”, e na que se primase a produción e non a superficie. E ao final esta reforma consolida a supresión da cotas en 2015. É unha boa nova? É unha boa nova para as grandes superficies, para os cereais e a horta, pero non para a agricultura verde e intensiva, e a fin das cotas vai facilitar a entrada de leite máis barato. E neste momento o agro galego está nunha situación dramática, está loitando por sobrevivir. É precisa a creación dun grupo lácteo galego, é precisa a creación dun forndo compensatorio até 2018. Europa pode mudar se cambian as actitudes, pero tamén depende do Goberno que haxa en Galicia e de como pelexe polo noso. E na pesca o mesmo: eu dei unha batalla moi grande para protexer a pesca artesanal galega e o marisqueo estratéxico. Pero a política pesqueira primou os elementos económicos sobre os sociais. E por iso votei en contra da nova PPC. E eu débome ao meu país, e non ao meu grupo, que votou a favor.

"A nosa función non é salvar as autoridades, que parece que é o único que lle preocupa ao PP, senón que llo debemos ás persoas que viven e traballan nas rías"

De forma inmediata vaise debater o informe do saneamento das rías. Como vai resultar, despois da polémica xerada a pasada semana polo grupo popular?

Discútese o 8 de xullo na comisión de peticións e aínda non se sabe se vai haber un acordo, porque o estaba preparado un documento de consenso entre os tres deputados, dos grupos popular, liberal e Verdes-ALE. Tres días antes da presentación do documento o consenso racha porque hai recibe presión do Partido Popular español e cambia o informe. Nese momento, as nosas deputadas preparan un documento alternativo e a ver que vai pasar o día 8. Que esperamos? Pois que o informe recoñeza que hai un problema non resolto e que as nosas rías teñen que ser saneadas integralmente xa. A nosa función non é salvar as autoridades, que parece que é o único que lle preocupa ao PP, senón que llo debemos ás persoas que viven e traballan nas rías. E se o día 8 non hai consenso, teremos que votar os dous informes, e se hai votación ímolo gañar.

E como está o tema mineiro. Cada vez está máis claro que este é un tema que non só afecta a Galicia, senón a outros moitos puntos de Europa, sobre todo do sur. Iso é bo, non si? Podemos esperar que se prohíba definitivamente o uso do cianuro?

Hai unha resolución do Parlamento de 2010 e poderíase instar a todos os estados membros a que promovesen esa prohibición. É un tema que non estaba na axenda en absoluto e a presión da xente e dos movementos sociais conseguiu que o estivese.

"Hai un contexto de autericidio, de recortes sociais, e vemos como PP e PSOE chegan a un acordo europeo para defender ese bipartidismo"

E, xa para rematar, que eixos deberían definir as eleccións europeas do vindeiro mes de maio. Por que tipo de candidaturas apostas?

Neste momento o eixo principal debe seguir sendo defender Galicia no Parlamento europeo, defendela cunha visión de esquerdas, cunha visión nacionalista, cunha visión propia. Galicia no Parlamento europeo, escano galego. E, ademais, hai un contexto de autericidio, de recortes sociais, e vemos como PP e PSOE chegan a un acordo europeo para defender ese bipartidismo. Estas eleccións teñen que ser unha oportunidade para presentar alternativas. Debátense cousa moi importantes no Parlamento, e se non estamos aí non vai haber quen defenda os nosos temas, non vai haber quen defenda a Galicia.

Ana Miranda no Plenario do Parlamento Europeo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.