“Fixéchela boa, presidente”, responde o PSdeG ás ocultacións de Feijóo aos medios

Feijóo co seu conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, na reunión do Consello deste xoves Dominio Público Xunta de Galicia

“Agochar acordos de contido millonario e facer públicos informes propagandísticos sen validez vai contra o compromiso de transparencia”, dinlle os socialistas ao titular da Xunta

O grupo parlamentario do PSdeG criticou este xoves as ocultacións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas súas comparecencias ante os medios de comunicación logo das reunións semanais do seu goberno. Nelas, Feijóo vén multiplicando a difusión de informes propagandísticos favorables ao seu goberno pero sen validez legal ao tempo que oculta decisións vinculantes de todo tipo, entre elas varias coas que recorreu a 280 millóns de euros do Fondo de Continxencia, proceder criticado polo Consello de Contas. Fronte aos eloxios que lle veñen de dedicar a Feijóo os seus colaboradores máis próximos, o deputado socialista Juan Díaz Villoslada ironiza e critica a súa “estratexia da confusión”: “Fixéchela boa, presidente”, dille.

O PSdeG ironiza cos eloxios que os seus asesores lle veñen de dedicar a Feijóo no libro recompilatorio dos seus discursos parlamentarios, no que salientan que o presidente frea as súas ideas cando son “excesivas en marketing”

Este mércores o Parlamento de Galicia acolleu a presentación dunha recompilación de discursos parlamentarios de Feijóo, similar ás que xa se fixeron dos anteriores presidentes da Xunta. No libro hai unha presentación que asinan cinco dos colaboradores máis próximos a Feijóo e que titulan “Estiveches ben, presidente”, asegurando a continuación que é algo que non lle dixeran ata o momento. Un texto no que os asesores tamén din que Feijóo frea as súas ideas cando son “excesivas en marketing” co argumento de que debe actuar “desgastándose el para que non se desgaste Galicia”.

Este xoves este diario publicou que, fronte aos numerosos anuncios propagandísticos realizados polo propio Feijóo como portavoz do goberno nas roldas de prensa posteriores aos consellos da Xunta, nelas ocultáronse aos medios de comunicación polo menos 13 decisións nos catro últimos anos coas que se recorreu a 280 millóns de euros do Fondo de Continxencia. O Consello de Contas critica que se empregue ese procedemento xa que o considera revelador dunha “deficiente orzamentación, por escasamente realista”. Segundo os socialistas, “agochar acordos de contido millonario e facer públicos sen embargo informes sen validez choca frontalmente co compromiso de transparencia e boas prácticas que predica o presidente”. Por iso, anunciaron iniciativas parlamentarias para que a Xunta clarifique “ata onde chegan na súa política de agochamento de acordos e por que toman esa decisión”, e esixirán que Feijóo “pare na súa estratexia da confusión ao publicitar documentos sen validez mentres agochan os que realmente teñen relevancia para os orzamentos de todos os galegos”.

O actual goberno vén multiplicando a divulgación de informes propagandísticos ao tempo que oculta decisións como as de perdoar unha multa ao ex-deputado popular Telmo Martín ou non levar a xuízo á empresa que contaminou o río Ulla

O uso de informes propagandísticos nos consellos da Xunta é habitual desde hai décadas. Porén, se Fraga chegou a divulgar máis dunha vintena nun só consello,  durante o goberno bipartito de PSdeG e BNG reducíronse a menos de un por semana, mentres que con Feijóo volveron dispararse. Este mesmo xoves Feijóo volveu divulgar sete informes dese tipo.

Fronte a eses informes propagandísticos, Feijóo vén evitando informar aos medios de diversas decisións logo polémicas tomadas nas reunións do seu Goberno como as de perdoar unha multa ao ex-deputado popular Telmo Martín, recualificar un monte comunal en Guitiriz para un xeriátrico privado, non levar a xuízo a unha empresa que contaminou o río Ulla ou regularizar vivendas e piscifactorías ilegais.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.