Medio Ambiente obxecta a legalización do hotel de Oia xunto ao mar e avalía unha nova urbanización en Baiona

Recreacións do impacto da nova urbanización en Baiona realizadas polos propios promotores da mesma © Borrador do Plan Parcial do Sector SUD-10 “Covaterreña” do PXOM de Baiona

A Xunta considera que a reforma parcial do complexo de talasoterapia “non melloraría moito o impacto”. A mesma consellería iniciou tamén estes días a tramitación do impacto ambiental dunhas 150 vivendas sobre o casco vello da vila veciña.

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado luns a decisión da Consellería de Medio Ambiente de reclamar ao Concello de Oia máis concreción do posible impacto ambiental da súa proposta de legalización do hotel balneario con auga de mar levantado hai dúas décadas no seu litoral e que conta con orde xudicial de derruba desde 2012. Medio Ambiente considera que o plan do goberno local de reducir algo o volume do edificio “non melloraría moito o impacto” do mesmo. Ao tempo, o mesmo departamento vén de iniciar a exposición pública da avaliación ambiental dunha nova urbanización sobre o casco vello do veciño concello de Baiona impulsada por propietarios dos máis de 80.000 metros cadrados nos que se asentarían arredor de 150 novas vivendas.

Avaliación de Medio Ambiente sobre o posible impacto da legalización do hotel de talasoterapia de Oia CC-BY-SA Praza Pública

O goberno local de Oia, de novo en mans dunha maioría absoluta do PP, como cando outorgou en 2000 a licenza ilegal coa que se construíu, propón reducir a altura do complexo para regularizalo

O estado de alarma polo coronavirus suspendeu os prazos e trámites administrativos para a cidadanía, pero non para as administracións que seguen a analizar todo tipo de expedientes. Este luns o Diario Oficial de Galicia publicou a decisión do 24 de marzo da Consellería de Medio Ambiente de requirir novos informes ao Concello de Oia antes de autorizar a legalización do hotel balneario con auga de mar que en 2000 o daquela goberno local do PP permitiu levantar xunto ao emblemático cabo Silleiro, no límite con Baiona, en solo rústico protexido. 

O Hotel Talaso Atlántico abriu as súas portas tres anos máis tarde, pero en 2009 os tribunais anularon aquela licenza municipal, amparada nunha recualificación previa que o Concello non chegara a publicar en ningún diario oficial e que polo tanto non entrara en vigor. En 2012 a xustiza ordenou a demolición do edificio, pero agora o goberno local de Oia, novamente en mans dunha maioría absoluta do PP tras varios anos de alternancias de gobernos en minoría, está a impulsar a legalización do complexo cunha proposta de redución de altura e reestruturación de volumes que evite a súa derruba, o que implicaría unha indemnización aos propietarios por parte do Concello que lles dera licenza.

"Non permite valorar con claridade o alcance das medidas de rexeneración topográfica previstas para recuperar a rasante natural do terreo, as cales poden provocar efectos significativos no medio”

A legalización instada polo Concello de Oia iniciou a súa tramitación ambiental o pasado novembro, e agora a Consellería de Medio Ambiente considera que debe concretar mellor os seus posibles impactos e esixe unha avaliación máis pormenorizada. Entre outras cuestións, a consellería, atendendo informes de diversos departamentos autonómicos, considera que “a ordenación contemplada no borrador non permite valorar con claridade o alcance das medidas de rexeneración topográfica previstas para recuperar a rasante natural do terreo, as cales poden provocar efectos significativos no medio”. Medio Ambiente valida tamén as consideracións do Instituto de Estudos do Territorio que di que “a edificación principal constitúe actualmente un forte impacto visual” xa que se eleva máis de cinco plantas, pero considera que a proposta de legalización “non melloraría moito o impacto”, que mesmo podería ter efectos sobre o Camiño costeiro a Santiago que pasa polas súas inmediacións.

Hotel-talaso ilegal de Oia, xunto ao faro de cabo Silleiro, e proposta de legalización reducindo a súa altura CC-BY-SA Praza Pública

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo salienta que os usos de talasoterapia están permitidos no tipo de solo do litoral no que se levanta o complexo, pero non así “os usos residenciais ou terciarios asociados a estas instalacións, como os que se indican no borrador que se veñen desenvolvendo nas instalacións existentes” do hotel. Agora o Concello deberá aclarar esas e outras dúbidas da Xunta nun proceso de avaliación ambiental estratéxica ordinario e non co trámite acelerado que solicitaba o goberno local.

Urbanización en Baiona

O 31 de marzo abriuse a exposición pública ambiental da nova urbanización de Baiona, pero o prazo oficial non comezará a contar ata que se levante o estado de alarma

Ademais de ordenar a avaliación ambiental ordinaria para a legalización de Oia, a Consellería de Medio Ambiente acordou o 31 de marzo someter a exposición pública a solicitude de avaliación ambiental dunha nova urbanización no veciño concello de Baiona, entre o seu casco histórico e a autoestrada AG-57 que nese punto serve de circunvalación da vila e na que se construiría un novo acceso. A exposición pública xa está dispoñible para a cidadanía que queira consultar os documentos e formular alegacións, pero o prazo oficial de dous meses non comezará a computar ata que se levante o estado de alarma.

A urbanización, contemplada no plan de urbanismo da vila aprobado en 2014, cando era alcalde o popular Jesús Vázquez Almuiña, agora conselleiro de Sanidade, está impulsada agora, segundo os documentos a exposición pública, “directamente polos propietarios da zona, veciños, algúns dos cales residen xa nas súas vivendas no interior do ámbito”, que se constituíron en Comisión Xestora en 2016 “coa fin de levar adiante o desenvolvemento urbanístico do sector”. Dúas desas vivendas xa levantadas seguirían existindo dentro da nova urbanización.

Plano da nova urbanización proposta para Baiona © Borrador do Plan Parcial do Sector SUD-10 “Covaterreña” do PXOM de Baiona

A urbanización sumaría máis de 100.000 metros cadrados tendo en conta o novo viario de conexión entre a AG-57 e o centro da vila que se construiría a costa do complexo

O espazo, de algo máis de 80.000 metros cadrados no lugar de Covaterreña, que sumaría máis de 100.000 metros tendo en conta o novo viario de conexión entre a AG-57 e o centro da vila que se construiría a costa da urbanización, contaría cunhas 150 vivendas de tipoloxía tanto unifamiliar como en edificios colectivos, segundo as estimacións dos documentos a exposición pública, das que o 11% serían de protección pública. O proxecto propón unha urbanización organizada da zona que evite o que define como “ocupación anárquica” dese espazo que ao seu ver se produciría se non se concreta esta planificación. 

Os documentos que agora se someten a avaliación ambiental optan pola número 4 das catro posibles alternativas de configuración das vivendas, rúas e espazos libres da urbanización que se analizan, mesmo con recreacións do seu impacto, que agora deberán ser avaliadas por distintos departamentos da Administración.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.