O Concello de Oia tramita na Xunta a legalización dun hotel costeiro con orde de derruba desde hai oito anos

Hotel-talaso ilegal de Oia, xunto ao faro de cabo Silleiro, e proposta de legalización reducindo a súa altura CC-BY-SA Praza Pública

O goberno local, de novo en mans dunha maioría absoluta do PP, como cando outorgou en 2000 a licenza ilegal coa que se construíu, propón reducir a altura do complexo para regularizalo

En 2000 o Concello de Oia, daquela gobernado polo PP con maioría absoluta, outorgou licenza para a construción dun hotel con piscinas de talasoterapia en solo rústico protexido a apenas cen metros do mar, xunto ao emblemático cabo Silleiro e no límite municipal coa turística vila de Baiona. O Hotel Talaso Atlántico abriu as súas portas tres anos máis tarde, pero en 2009 os tribunais anularon aquela licenza municipal, amparada nunha recualificación previa que o Concello non chegara a publicar en ningún diario oficial e que polo tanto non entrara en vigor. En 2012 a xustiza ordenou a demolición do edificio, pero agora o goberno local de Oia, novamente en mans dunha maioría absoluta do PP tras varios anos de alternancias de gobernos en minoría, está a impulsar a legalización do complexo cunha proposta de redución de altura que evite a súa derruba.

A Xunta vén de iniciar esta semana a exposición ao público da documentación que lle trasladou o Concello de Oia para solicitar a súa avaliación ambiental e permiso para o plan urbanístico co que pretende legalizar o hotel-talaso. Segundo esa documentación, o obxectivo é manter a actividade da empresa hoteleira xa que “resulta de gran interese para o municipio, evitando tamén eventuais prexuízos ao Concello que puideran derivarse da demolición íntegra da instalación”. Porque en caso de derrubarse o municipio, de tan só 3.000 habitantes e cuns orzamentos anuais dun millón e medio de euros, tería que indemnizar con varios millóns aos propietarios que o levantaron amparados nunha licenza municipal que despois foi sentenciada ilegal. 

Proposta de legalización do talaso de Oia reducindo a súa altura © Concello de Oia

A documentación trasladada polo Concello á Xunta di que derrubar o edificio suporía a "desaparición dun establecemento turístico de gran relevancia" mentres que mantelo recortando a altura tería "efectos beneficiosos"

Como todo plan urbanístico require para a súa avaliación ambiental que os seus promotores propoñan diversas alternativas, no caso da legalización do talaso de Oia o Concello cita dúas. A denominada “alternativa 0” sería derrubar o edificio, como reclamaron os xulgados, opción que o documento descarta co argumento de que suporía a “desaparición dun establecemento turístico de gran relevancia para a potenciación do medio [sic] do Concello de Oia”. A outra única opción analizada, a “alternativa 1”, consiste en reducir a altura do edificio e adecuar outras instalacións do mesmo “mantendo o uso turístico que nel se desenvolve, cos efectos beneficiosos que delo [sic] se derivan ao turismo do Concello de Oia e da Comarca do Baixo Miño, evitando tamén eventuais perxuizos [sic] ao Concello que puideran derivarse da demolición íntegra da instalación”. 

A proposta de legalización admite que a zona ten un "alto valor" paisaxístico que di que mellorará coa redución do volume do hotel, pero non avalía canto máis melloraría coa súa desaparición

O documento chega a avaliar positivamente o impacto ambiental do edificio recortado no que se refire á paisaxe nunha conca visual que admite que ten un “valor alto”. Pero o plan de legalización non avalía a mellora paisaxística que suporía a derruba total do hotel senón que opta por salientar que a súa regularización sería positiva “xa que se procede á redución do volume edificado”. En xeral, ao analizar os posibles efectos sectoriais do complexo, o documento sinala que as obras para a súa legalización reducirán o seu impacto, admitindo de xeito implícito os danos producidos pola súa construción orixinal. En todo caso, os promotores piden á Xunta que non realice unha avaliación ambiental completa da súa proposta senón unha simplificada que axilice a tramitación e legalización do complexo.

Vista do hotel-talaso de Oia CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

Neste anos o hotel recibiu diversas axudas públicas ao tempo que varias administracións lle abrían expedientes mesmo por verteduras ao mar do que obtén a auga para as piscinas de talasoterapia

Ao longo destas dúas décadas o talaso de Oia, malia a súa ilegalidade, recibiu diversas axudas públicas da Xunta e do Estado e mesmo albergou unha conferencia internacional de ministros de Pesca no marco da World Fishing Exhibition celebrada en 2003 en Vigo. Ao tempo, diversas administracións abriron contra el varios expedientes non só pola ilegalidade da construción ou por obras posteriores senón tamén por verteduras ao mesmo mar do que obtén a auga para o funcionamento das súas piscinas de talasoterapia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.