Nace #CódigoAna, a canle na que Pontón charla con referentes sociais

#CódigoAna, nova canle de comunicación de Ana Pontón CC-BY-NC-ND BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lanzou este venres unha nova canle, "un novo formato de comunicación", #CódigoAna, no que a líder nacionalista conversa con referentes de todos os ámbitos da sociedade e comparte esas charlas "francas e distendidas" a través das redes sociais. 

#CódigoAna, segundo explica o BNG, aborda "temas que interesan e preocupan á cidadanía a través dos e das protagonistas que, nun cara a cara con Ana Pontón, contan a súa propia experiencia vital e profesional, coa que se poden sentir identificadas ou interpeladas outras moitas persoas".

"Permite á líder do Bloque ir máis aló do marco estritamente político e mostrar a súa faceta máis humana e persoal"

O formato arranca este mes de setembro a través das súas propias redes sociais nas canles de Facebook, Instagram, X (antiga Twitter) e Youtube, e será emitido coa regularidade que permite a axenda política da líder do BNG.

"Permite á líder do Bloque ir máis aló do marco estritamente político e mostrar a súa faceta máis humana e persoal a través de conversas con referentes do mundo da cultura, da ciencia, da economía, do audiovisual, do feminismo e de calquera ámbito que hoxe preocupe á sociedade galega", explica a formación nacionalista. 

As persoas convidadas responden, segundo explica, ao criterio de ser "referentes no seu ámbito profesional e a súa capacidade para achegar e compartir ideas, proxectos, reflexións de presente e de futuro nunha sociedade diversa, plural e dinámica como a galega". 

Ana Pontón, voceira nacional do BNG, en #CódigoAna CC-BY-NC-ND BNG

A propia cabeceira, di o BNG nun comunicado, elaborada pola artista gráfica Isa Vila, explica en que consiste e que contidos se poderán ver en #CódigoAna, con elementos como "o mapa de Domingo Fontán que convida a unha viaxe polo País, para falar de cultura e creación, de ciencia, de medio ambiente, de patrimonio, de empoderamento das mulleres ou das inquietudes da xente moza". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.