Despois dos primeiros dez episodios do Fálase fixemos unha pequenísima pausa cadrando cos festivos da Semana Santa. O podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao está de volta e nel seguimos buscando as parénteses no medio do ruído, un programa para máis contexto ca última hora, para máis explicación que tensión.
Se falamos de contexto, estes días en Galicia é o inminente cambio na presidencia da Xunta: Alberto Núñez Feijóo disponse a dimitir para dedicarse a tempo completo a liderar o PP e quen vai ser aclamado como sucesor no partido e no Goberno galego vai ser Alfonso Rueda. Quixemos saber como están vivindo este tempo de mudanzas os grupos da actual oposición parlamentaria e por iso hai un par de semanas entrevistamos a Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, e agora vimos de falar coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
Neste undécimo episodio do Fálase repasamos algo do que nos contou Pontón en entrevista con Praza.gal: por que pensa que o país está nun cambio de ciclo político máis alá do cambio de caras no PP e por que, dende hai xa un tempo, mantén que o Bloque pode estar en condicións de gobernar. Ao seu xuízo, ese cambio está en marcha dende as eleccións de 2020, aínda que os populares as volvesen gañar por maioría absoluta.
Haberá quen diga que calquera forza política que está na oposición aspira a gobernar. Por iso lle pedimos a Pontón que concretase que é o que cambiou, se é que cambiou algo, dende que o BNG explicitou que volver á Xunta, liderar o Goberno galego, é o seu obxectivo estratéxico. Ela di que renunciar á hexemonía sería tanto como renunciar a mellorar o país e apunta tamén algunhas das claves que din ter identificadas para logralo
O horizonte das vindeiras eleccións municipais, a importancia da xestión á hora de gobernar ou o xeito en que o Bloque afrontaría dende a Xunta a transición ecolóxica ou o ordenamento do sector eólico son outros dos asuntos que abordamos na entrevista. Ademais de escoitar o máis destacado da conversa no Fálase, podedes lela enteira nesta ligazón.
No Fálase repasamos o que se fala en Praza.gal, pero tamén seguimos moi de cerca o que se fala en VINTE. E, despois destas dúas semanas de pausa, comprobamos que en VINTE hai moitos temas dos que falar e que, ademais, VINTE vai a moitos sitios. Coa súa directora, María Yáñez, lembramos algo do máis destacado do Carballo Interplay, que entre outras citas tivo unha emisión ao vivo do Café Derby 21. E, sen saír do Café Derby, achegámonos á conversa con Belén Puime sobre Pringadas, gañadora do mellor proxecto de serie web na pasada edición do Carballo Interplay e que se presentou este ano no festival
Ademais, aproveitando os festivos, a primavera, as temperaturas máis agradables, quen foi os ollos e os ouvidos de VINTE en varios sitios foi Ana G. Liste. Con ela achegámonos á guía para un roteiro de vinte e catro horas polo Porto, con moitos fíos para tirar pola cidade portuguesa que, en realidade, dan para moitísimo máis ca un día. Tamén con ela lembramos o que foi xa todo un fito para a música galega, o recente concerto das Tanxugueiras no auditorio Mar de Vigo.
De agora en diante, todos os episodios do Fálase tamén en Spotify
Estes días, ademais, en VINTE hai novas músicas con Breogán Xague e Nosa señora, o vídeo do álbum co que debuta o tamén pintor e escultor, primeiro disco dunha triloxía sobre a emigración no que “a voz que fala volve á súa terra sabendo que vai volver marchar”. Contra o final do episodio achegámonos tamén ao LabCareixa, o proxecto de Sergio Marey, Antía Carreira e Breogán Martínez, que convidaron a cinco persoas da súa xeración (menores de 30) especializadas en diferentes artes para levar á escena unha obra da escritora coruñesa Luisa Villalta.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast, en Podgalego e, de agora en diante, tamén en Spotify.