Un rapaz de 15 anos perdeu un testículo porque non lle fixeron unha ecografía, proba acaída para estes casos cuxa omisión reiterada levou á Xustiza a pedir hai sete meses unha revisión dos protocolos do Sergas, que aínda "traballa" neles
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir unha nova condena do Sergas por outra torsión testicular mal diagnosticada a un mozo que acabou perdendo un testículo. O caso ocorreu en 2020 e é un máis dos varios que se veñen rexistrando nos últimos anos por non realizar aos afectados a ecografía acaída para os seus síntomas. Por ese erro "reiterado" o pasado xullo un xuíz pediu directamente nunha sentenza á Consellería de Sanidade "que proceda a revisar os protocolos e formación do persoal". Sete meses despois Sanidade aínda "traballa" para concretar as melloras a implantar.
A nova sentenza agora feita pública, con data do 20 de decembro, refírese a uns feitos ocorridos en decembro de 2020, antes da alerta lanzada o pasado xullo polo xulgado de Pontevedra pola reiteración de erros nos diagnósticos. Como nese caso e noutros moitos, o rapaz, de 15 anos, acudiu a un Punto de Atención Continuada (PAC) con intensa dor testicular e abdominal. Receitáronlle Buscapina e Primperan. Despois acudiu a Urxencias, e diagnosticáronlle "sen consulta por especialista" unha infección testicular, para o que lle deron "tratamento atibiótico e analxésico". Catro días despois volveu a Urxencias e, tras unha ecografía que confirmou a torsión e unha isquemia do testículo, tiveron que extirparllo.
No xuízo un xefe de Uroloxía declarou que "calquera situación de escroto agudo nun paciente púber é unha torsión de testículo ata que non se demostre o contrario e a única forma de sospeitalo é o estudo ecográfico"
A nai do menor presentou unha reclamación ao Sergas, que nin lle contestou, e tivo que ir á xustiza. Un xulgado de Vigo deu a razón ao afectado, pero o Sergas recorreu e o TSXG acabou ratificando a condena. Na causa xudicial un xefe de servizo de Uroloxía declarou que "calquera situación de escroto agudo nun paciente púber é unha torsión de testículo ata que non se demostre o contrario e a única forma de sospeitalo é o estudo ecográfico e a única forma de demostralo é a exploración cirúrxica". Na mesma liña se pronunciou outro urólogo, que dixo que "cando estamos ante un escroto agudo en idade adolescente hai que facer a ecodoppler sempre".
Se na sentenza de xullo do pasado ano o mozo afectado tamén por un caso similar (non se lle realizou ecografía e acabou perdendo o testículo) tiña 24 anos e foi indemnizado con 35.000 euros, na nova sentenza o rapaz de 15 anos é indemnizado con 48.600 euros.
Ante a petición que lle fixo un xulgado hai sete meses Sanidade di que aínda "traballa na revisión" de protocolos e "no deseño de pílulas informativas destinadas aos profesionais"
Ante esta nova sentenza, coñecida agora pero dun caso anterior ao apercibimento realizado en xullo polo xulgado de Pontevedra, Praza.gal preguntou á Consellería de Sanidade que fixo para atender a petición xudicial de "revisar os protocolos e formación do persoal" e se os casos de diagnósticos erróneos están a reducirse. A resposta de Sanidade é que o Sergas "está a traballar na revisión e posible elaboración de novas guías e protocolos para a abordaxe deste tipo de casos".

A consellería engade que "na mesma liña, Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) traballa no deseño de pílulas formativas destinadas aos profesionais sanitarios, que serán impartidas por un facultativo especialista da área de Uroloxía". Nada responde a Xunta á pregunta sobre se os diagnósticos erróneos están a reducirse.