Un xulgado de Pontevedra condena o Sergas a indemnizar con 35.000 euros un mozo pola "mala praxe" ao atendelo dunha torsión dun testículo e advirte varios "supostos idénticos" noutros casos recentes
"Na elaboración desta sentenza púidose comprobar que no sistema sanitario público galego ao parecer se están producindo con reiteración nos centros de saúde ou nos PACs erros de diagnóstico sobre este tipo de doenza (torsión testicular) coas mesmas consecuencias fatais que as do caso aquí examinado". É a advertencia que un maxistrado do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra vén de inserir nun ditame no que condena o Servizo Galego de Saúde a indemnizar con 35.000 euros un home que sufriu a extirpación dun testículo por mor a demora na valoración.
Ao abordar este caso, o xuíz estudou "supostos idénticos a este" en diversos casos dos últimos anos, di citando media decena de sentenzas dos últimos catro anos, polo que decide remitir o seu ditame á Xunta para "que proceda a revisar os protocolos e formación do persoal" para "evitar ou reducir estes erros". Un deses casos, como informou Praza.gal, chegou ao Tribunal Superior de Xustiza e derivou, ademais, nun cruzamento de acusacións entre o Sergas e un centro médico privado de Ourense.
O paciente sobre o que agora ditamina o xulgado de Pontevedra recorrera en vía administrativa contra a Consellería de Sanidade reclamando 61.810 euros como compensación polo que considerou unha actuación neglixente do Punto de Atención Continuada (PAC) de Silleda e do Clínico de Santiago. Ao serlle rexeitada, recorreu aos tribunais cun caso que principiou en agosto de 2021, cando tiña 24 anos e acudiu ao PAC silledense "cunha intensa dor testicular". A doutora que o atendeu palpoulle ambos testículos e receitoulle analxésicos e antiinflamatorios.
O paciente acudiu ao PAC de Silleda "cunha intensa dor testicular" e receitáronlle analxésicos e antiinflamatorios. Catro días despois, no CHUS de Santiago, ratificaron a torsión que obrigaba á extirpación
Catro días despois, como a dor non cesaba -relatou no procedemento-, acudiu ao servizo de Urxencias do hospital privado La Rosaleda, o cal o derivou a Urxencias de Uroloxía do CHUS. Foi no hospital público onde, tras sospeitaren que padecía unha torsión testicular, lle realizaron unha ecografía que confirmou que ese era o problema que padecía dende catro días antes, con "zonas necróticas múltiples" que obrigaron á extirpación.
Indica o xuíz que, tras valorar as probas, concluíu que o Sergas "incorreu en mala praxe médica cun resultado lesivo para o paciente por perda de oportunidade". O maxistrado chega a esta conclusión tras examinar un informe dun perito -un urólogo do hospital madrileño de La Paz- e outra documentación que o leva a afirmar que a torsión testicular "é unha doenza urolóxica moi grave que require de atención urxente", que é máis frecuente en pacientes mozos e que, cunha cirurxía "inmediata", nas "primeiras seis horas", é posíble "salvar o testítculo".
Neste sentido, considera "incontrovertido" que cando foi atendido no CHUS, o mozo xa "padecía unha torsión testicular avanzada e irreversible", cun "testículo infartado e necrosado que obrigou á extirpación inmediata". Por este motivo "pódese concluír que se producira xa cando catro días antes" fora ao PAC de Silleda á procura de atención por "unha dor testicular aguda". Pero no PAC padeceu un "erro de diagnóstico" xa que "a doutora que o atendeu concluíu que a causa da dor radicaba nunha inflamación por distinta causa", mesmo "sospeitando que se podía tratar dun tumor, segundo confesou no xuízo".
O xulgado atende o recurso do paciente só parcialmente porque a doutora si "o cominou" a que fose ao CHUS "se continuaban as molestias" e porque a extirpación dun testículo "non implica déficit total hormonal sexual nin esterilidade"
"A conclusión é que se incorreu en mala praxe" xa que en casos coma estes "a primeira patoloxía que cómpre desbotar é a máis probable", a torsión testicular, e "a mellor maneira de comprobalo" é cunha ecografía doppler. "Se o PAC carecía de medios para practicar esta proba, a doutora debeu remitir con carácter inmediato o paciente ao hospital par que lla realizasen". Se así fose, advirte, "con gran probabilidade" non sería precisa a extirpación.
Con todos estes elementos sobre a mesa, o xuíz atende a reclamación do paciente, pero parcialmente. Faino porque "aínda que a doutora do PAC de Silleda non o remitiu inmediatamente" ao CHUS, "si o cominou a que acudise a a el se continuaban as molestias" e non o fixo ata catro días despois e tendo en conta os "prexuízos estéticos e psicolóxicos padecidos", pero tamén que "a perda do testículo dereito non implica déficit total hormonal sexual nin esterilidade, xa que a súa función endocrina e reprodutiva é suplida polo testículo esquerdo".
É así como fixa a indemnización de 35.000 euros. Faino nunha sentenza que, non obstante, non é firme, xa que contra ela cabe recurso de apelación ante o TSXG.
Alén da súa posición no litixio, tras a divulgación da sentenza por parte do Tribunal Superior, a Consellería de Sanidade afirma a través dun comunicado que "traballa de forma permanente para garantir os máximos niveis de certeza nos diagnósticos co fin de reducir os erros puntuais que se producen". O Sergas, agrega, "lamenta as consecuencias deses casos puntuais e asume as responsabilidades que se establecen en cada ocasión" e, en todo caso, asegura que "revisará os protocolos" e "valorará impartir formación específica" para atender torsións testiculares.