Núñez Feijoo coordinará a convención nacional extraordinaria do PP, que será en decembro

O acto tivo lugar na Carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade © PPdeG

O PP mantivo a tradición de abrir o curso político en Galicia. Se ata hai uns anos viñérao facendo en Soutomaior, por terceiro ano consecutivo a formación escolleu celebrar o acto en Cerdedo-Cotobade, onde o novo líder do partido, Pablo Casado, estivo acompañado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e por outros altos cargos populares, como Alfonso Rueda ou Ana Pastor. Na carballeira de San Xusto Pablo Casado anunciou a convocatoria da convención nacional extraordinaria do PP, que se celebrará o 1 e 2 de decembro e que será "liderada e coordinada" por Núñez Feijoo. A convención servirá para elaborar os programas electorais para as eleccións municipais e autonómicas do mes de maio e para debater a "actualización" da Constitución. "Actualización, que non reforma", como subliñou o propio Casado.

Polo demais, Casado mantivo o discurso duro contra o nacionalismo catalán e contra a inmigración. O presidente do PP expresou "o noso apoio a aqueles valentes cidadáns· que saen á rúa a quitar lazos amarelos, que Casado cualificou de "emblemas contra a democracia española". Ademais, volveu referirse ao "efecto chamada" supostamente provocado polo "buenismo" e as decisións adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez.

"Se o AVE non está en marcha o ano próximo é por culpa do PSOE", afirmou Casado, aínda que dende hai ano e medio sábese que os prazos non ían ser cumpridos

Casado referiuse tamén aos prazos de construción da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e a meseta, afirmando que "se o AVE non está en marcha o ano próximo é por culpa do PSOE. Estaba planificado, orzamentado e executado". "É xusto reivindicar para Galicia e outras zonas de España que cheguen estes medios de transporte", engadiu. O mes pasado os populares forzaron que o Parlamento galego votase esixir como "irrenunciable" o prazo de 2019 malia ser coñecido dende hai ano e medio que non é real.

Casado finalizou a súa intervención poñendo como exemplo para o resto de España a xestión realizada por Núñez Feijoo en Galicia: "Cando un ve as cifras en Galicia ao primeiro nivel europeo, é cando ves que ese modelo se ten que replicar no resto de España". E afirmando por exemplo que Galicia "conta cos servizos sociais máis respectados e mellor ponderados da nosa contorna", destacando finalmente que nos últimos anos "baixáronse os impostos sen descoidar, todo o contrario, o estado do benestar".

O presidente da Xunta reivindicou "o galeguismo de Fraga e Albor"

Pola súa banda, na súa intervención Alberto Núñez Feijoo tivo palabras de agradecemento para Mariano Rajoy, sinalando que se sente "orgulloso" de que un galego coma el fora presidente do PP e de España. Así mesmo, o presidente da Xunta reivindicou "o galeguismo de Fraga e Albor" e afirmou que o PPdeG "non fai política buscando crear fendas inexistentes, senón que o obxectivo é crear consensos entre os galegos". "Tratamos de aplicar sentidiño ao noso deber", engadiu.

 

Alberto Núñez Feijoo e Pablo Casado © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.