"O 20-N non cambiou moito a situación, que era máis complicada para o nacionalismo"

Pilar García Negro CC-BY-SA BNG

"Estás medio durmida... Pasou o que se agardaba, o que tiña que pasar". Pilar García Negro acudía ás prácticas. Estaba intentando sacar o carné de conducir e, de camiño a autoescola, viu "masas de rapaces e rapazas na dirección contraria". Eran estudantes que volvían dos centros de ensino logo de que se suspendesen as clases pola morte de Franco. O monitor advertiuna da noticia. Hai agora 40 anos.

A política, escritora, sociolingüista e profesora galega vivía daquela en Lugo e acababa de rematar a licenciatura de Filoloxía Hispánica (a galega non existía e remataríaa anos despois). Activa política e lingüisticamente, non militaba aínda en organización ningunha do nacionalismo galego, pero tiña na casa "a forza do exemplo máis próximo da miña irmá [María do Carme García Negro], que era xa militante activa. "Non pertencía a ERGA, por exemplo, pero estaba xa posicionada", lembra agora sobre unha época na que "había unha visibilización cada vez meirande do incipiente nacionalismo con vocación de actuación social". "Visibilización é un paradoxo porque, obviamente, a súa actuación era clandestina", aclara. 

"A morte de Franco non cambiou en absoluto a sensación de medo e preocupación", lembra García Negro

E aclárao porque, como di, segue lembrando "moita precaución e moito medo" naqueles tempos inmeditamente antes e despois do falecemento do ditador. "A morte de Franco non cambiou en absoluto esa sensación, tampouco nos meses posteriores, porque ademais o nacionalimo non secundaba o movemento español que xa se artellaba de cara á Transición; estaba moi alerta para marcar a súa propia existencia e identidade autónoma e non comulgar coas rodas de muíño desas milagres que se difundín para lexitimar o proceso que foi controlado desde o minuto un pola embaixada dos EUA", engade. Como exemplo, recorda, unha asemblea sindical en Ourense "totalmente clandestina" e coa impresión "de que podía pasar calquera cousa en calquera momento" tan só uns meses máis tarde do 20-N. 

García Negro empezara, pouco antes da morte do xeneral Franco, a impartir aulas de francés no Semiario Diocesano de Lugo. A súa presenza, e a doutras mulleres profesoras, "supoñía unha gran novidade naquel ambiente eclesiástico" e aquelas clases, como agora di, marcaron a súa existencia. "Foi unha experiencia decivisa", lembra. Non existía materia -obviamente- de galego nin o idioma -agás raras excepcións- era empregado naqueles ámbitos. Os seus alumnos, galegofalantes todos, atopáronse con varias e sorpresivas novidades. "Era muller, era nova e falaba coma eles". 

As aulas en galego que en 1975 impartiu no Seminario e a reacción dos alumnos foron "unha experiencia decisiva"

"Aínda que eu falaba maioritariamente en galego, aínda era bilingüe, pero despois do primeiro día de clase non tiven dúbidas de cal debía ser a miña lingua vehicular, tanto alí dentro como fóra; alí asumín o compromiso", explica. Algúns daqueles rapaces "axexaban" tras as portas para comprobar se aquelas aulas no idioma nai de todos eles "eran unha concesión cara a eles ou unha actitude xeral". Vixiaban o que García Negro falaba cos seus superiores. Ao despedirse deles no Nadal, pediulles unha nota anónima que avaliasen o seu labor. Entre boas palabras e mesmo o recoñecemento do que lles gustaba ter unha moza nova sobre a tarima, un escrito marcouna: "Gústame moito porque a profesora fala coma nós". "Marcoume", di. 

Dar aulas en galego, militar politicamente, declararse nacionalista galega... "A maioría dos mecanismos represivos continuaban vivos, vivísimos, tras a morte de Franco, aínda que algúns fosen rotinas administrativas", conta. Unha delas, por exemplo, a que a obrigaron a asinar a súa adhesión aos principios fundamentais do Movimiento para poder exercer na praza que gañou en oposición no verán posterior ao 20-N. "Continuou habendo detencións, presos e presas, desterros...". E lembra a Francisco Rodríguez, enviado a Puerto Real en setembro de 1975 pola súa participación nunha folga en solidariedade cos profesores non numerarios.

"A maioría dos mecanismos represivos continuaban vivos, vivísimos, tras a morte de Franco"

Para García Negro, a morte na cama do ditador non cambiou moito as cousas, polo menos nos primeiros meses e mesmo anos. Ademais, di, "a situación era moito máis complicada para o nacionalismo, porque co resto de forzas xa se contaba para compor o cadro da nova fotografía". E recorda -"porque non facelo sería falsear a historia de Galiza"- que este mesmo nacionalistmo houbo de concorrer ás primeiras eleccións democráticas de 1977 como agrupación de electores logo de apañar sinaturas polo país, xa que "a UPG e a AN-PG non foran aínda legalizadas". 

O nacionalismo galego, ao contrario doutras forzas que si se implicaran de cheo no proceso da Transición, "non tiña por exemplo nada de europeísta en canto á mitificación do Mercado Común", ademais de renegar de moitas outras cuestións, por suposto da cuestión territorial que se negociaba. "Todos os agoiros respecto das políticas negativas que podían vir de Europa, da ruína da nosa industria e de sectores estratéxicos como o naval e o lácteo, da desfeita da pesca, da advertencia do atlantismo militante do Estado... Todo se foi cumprindo de maneira case exacta", asegura. 

Ao tempo, e con praza xa no instituto Eusebio da Guarda da Coruña en 1976, Pilar García Negro comeza a implicarse na Unión de Traballadores de Ensino de Galicia e na AN-PG, colabora nos inicios da asociación Alexandre Bóveda e mantén o galego como lingua vehicular nas aulas, o que lle custaría máis dun reproche. Na rúa, os reproches pasaron á violencia. "Racháronme a capota de tela do meu coche e picáronme dúas rodas; era xente vinculada aos guerrilleros de Cristo Rey e a Fuerza Nueva e estaban ben identificados e localizados, pero a policía deixaba facer", lembra. O franquismo, sen Franco, continuaba moi vivo. 

A profesora lembra como en 1976 a extrema dereita rachoulle a capota do seu coche e picoulle dúas rodas

E 40 anos despois, que queda dese franquismo sociolóxico? "Non é tanto franquismo ou elementos del como, en xeral, españolismo. Hai unha pervivencia do españolismo bruto de dereitas, e tamén de esquerdas, claramente negacionista", di García Negro, que destaca como tanto tempo despois hai quen queira limitar o país a rexión. "Galiza é unha nación e non unha comunidade como moitos teiman en dicirnos"

Logo de catro décadas de ditadura, chegou a Transición e o sistema democrático. Outros 40 anos despois, o Estado parece vivir outro cambio clave, entre o debate territorial e forzas incipientes que avogan por derrubar o réxime do 78. "Non é tanto algo cronolóxico, senón unha lóxica que rebenta agora porque, por exemplo, o problema catalán ten máis dun século de existencia", di quen cre que estamos en tempos nos que se evidencia que "o sistema territorial dá o que dá e ese traxe autonómico non dá máis de si e comeza a ensaiarse unha operación de mudanza". 

Hai unha pervivencia do españolismo bruto de dereitas, e tamén de esquerdas, claramente negacionista"

"Houbo mudanza de actores no Estado e pasamos dun bipartidismo a un tetrapartidismo, pero as diferenzas de fondo a respecto do mantemento desa unidade territorial non existen", engade García Negro, que advirte de que "agora parece que se empeza a facer unha revisión crítica da Transición cando xa en Galiza, desde o nacionalismo, se denunciaba daquela o acordo que se preparaba entre as forzas procedentes do franquismo e as novas que se estaban a legalizar e que tiñan que venderen un cambio profundo que non era tal". 

E volve atrás García Negro para incidir no feito de que aqueles agoiros sobre os influxos negativos de moitas daquelas decisións "acabáronse por cumprir". "Tamén ficou selada a unidade indisoluble de España e un réxime autonómico que non reparte a soberanía en absoluto", asegura. Por iso, segundo ela, ao país "vaille agora moito máis a vida, incluso máis que a vascos e cataláns, neste debate que se abre en termos de soberanía" e aposta, como daquela, por aqueles "que non consideren Galicia tan só un lugar". 

Cartel da AN-PG polo Día das Letras © UAB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.