“O 85% dos galegos optaron pola xestión online coa Xunta no 2021”, di o Goberno galego sen mencionar as restricións pola pandemia

Información na sede electrónica da Xunta da demora dos seus servizos durante a tramitación o pasado abril do bono turístico CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta fai balance da penetración da administración electrónica con diversas comparacións con 2019, pero obviando as dificultades de atención persoal dos dous últimos anos

A Xunta fixo balance esta fin de semana, a través dunha nota de prensa, da “evolución de uso e implantación dos diferentes servizos dixitais da Administración autonómica”. No seu comunicado o Goberno galego salienta que “o 85% dos galegos optaron pola xestión online coa Xunta no 2021” e compara diversos indicadores con 2019, pero en ningún momento menciona as restricións e dificultades postas pola propia administración para a atención presencial tras a aparición da pandemia da COVID-19 a comezos de 2020.

A Xunta di querer promover "máis servizos públicos dixitais, inclusivos, proactivos, personalizados e seguros, máis accesibles e dispoñibles e desde calquera lugar" CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo a Xunta, “en dous anos creceu case un 60% a porcentaxe da cidadanía que prefire a tramitación telemática coa Administración autonómica”, conclusión a respecto da preferencia da cidadanía que extrae do feito de que aumentou nun 60% a porcentaxe de usuarios online a respecto de 2019 e un 8% a respecto de 2020. O Goberno galego non indica como sabe que esa tramitación electrónica foi unha preferencia e non unha obriga para toda esa poboación xa que non detalla que porcentaxe dos trámites realizados se podían facer tamén presencialmente.

O Goberno galego tamén salienta “o crecemento nos usuarios de Chave 365, o sistema que permite identificarse e asinar documentos dixitalmente na sede electrónica da Xunta”. Segundo a Xunta, “en 2021 figuran rexistrados 1,4 millóns de usuarios fronte aos 267.192 de 2020, o que supón un incremento do 420%”. Neste caso a Xunta non compara con 2019 senón con 2020 pero novamente obvia contextualizar que foi en 2021 cando comezou a vacinación contra a COVID e unha das vías ofrecidas polo Goberno galego para obter os certificados de inmunización foi a de descargalos previa alta dos pacientes-usuarios nos propios centros sanitarios no sistema Chave 365.

Sistema Chave 365 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Sobre as dificultades da cidadanía de acceder aos seus servizos dixitais, a Xunta limítase a dicir que a súa capacitación “será un elemento fundamental” e que “en xaneiro do 2022 entrará en vigor o Marco Galego de Competencias Dixitais, que ofrecerá un mecanismo normalizado de certificación das competencias dixitais por parte da Administración autonómica para que calquera persoa maior de 16 anos poida acreditar o ser nivel de coñecemento, capacidade e aptitude no ámbito dixital”. Tras poñer o foco na certificación das competencias da cidadanía, o Goberno galego sinala que en dez anos a súa rede de aulas de inclusión tecnolóxica (CeMIT) beneficiou a “máis de 100.000 persoas”, menos do 4% da poboación galega, e que son “o instrumento fundamental para conseguir o obxectivo” de que outras 45.000 persoas “consigan a acreditación en competencias dixitais” para 2025.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.