O acordo temporal que pon fin (polo momento) ao conflito do cerco

Barcos do cerco con pancartas reivindicativas © Acerga

Logo de meses de protestas, xuntanzas e reivindicacións, o cerco galego volverá o vindeiro luns ao mar tras ratificarse o acordo adoptado o pasado martes pola maioría dos armadores do sector na asemblea de Portosín. Foi un pacto salvado pola decisión dos arrantzales vascos de ceder 400 toneladas a Galicia e logo de que a frota de Ribeira, que non quixo achegar parte da súa asignación, estivese a piques de botar por terra esta solución temporal do conflito.

A negativa da frota de Ribeira a ceder parte da súa asignación estivo a piques de rachar o acordo

O acordo implica que se acate -que non acepte- a distribución feita por Madrid e publicada esta mesma semana no BOE sempre que se compensen as grandes desigualdades que existen aínda entre os barcos, no caso da xarda, e se se crea un pool co xurelo entre todos os cerqueiros. É unha "ponderación" que dá o visto e prace, tan só por este ano, á repartición individual que chega do Goberno central e que distribúe as 1.400 toneladas de xarda extras que chegaron tras o acordo da UE con Noruega e as Illas Feroe a través dun sistema que outorga máis cantidade de peixe a aquelas embarcacións que tiñan menos asignado.

O cerco aclara que o acordo só será vixente para este ano e aclara que a Xunta se comprometeu a traballar por un novo reparto en 2015

Tan só a frota de Ribeira se negou a achegar parte da súa asignación a este fondo común, xa que quería intercambiar xarda por máis xurelo e non entrar no pool. As toneladas cedidas polos cerqueiros vascos irán aos 60 buques que dispoñen de menos asignación. O acordo a punto rompe, pero a Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga) vén de facer públicos os acordos xa definitivos da asemblea de Portosín e que aclara que "será vixente só por este ano, co compromiso de todos os representantes e da conselleira de poñerse a traballar para variar os criterios de reparto de cara ao 2015".

Tamén advirte o sector maioritario do cerco -120 de 153 barcos- que recorrerá a orde do Ministerio pola que se establece o plan de xestión para buques dos censo do Caladero Nacional do Cantábrico Noroeste.

En canto á xarda, o acordo definitivo da asemblea aclara que se "acepta a ponderación proposta na reunión entre representantes e a consellería do Medio Rural e do Mar" no pasado mércores, aínda que aclara que o número de tripulantes por cada embarcación que aparece no reparto da Xunta "ten erros que hai que corrixir". 

En canto ao xurelo, aclárase que a "xestión conxunta" implica que os barcos menores de 50 GT teñan unha asignación de 4.000 quilos máis 1.000 quilos por tripulante á semana, mentres que as embarcacións de máis de 50 GT de capacidade terán eses 6.000 quilos, máis outros mil tamén por tripulante cada semana. Ademais, especifícase a ponderación da cota "por trimestres con control mensual de consumo por se é necesario axustar o cupo establecido".

"Cando se acaba a cota nun trimestre, pecharase a pesquería ata que comece o seguinte trimestre", di o acordo, que establece un cupo diario de cen caixas de chincho e que aclara que "non se poderá vener o peixe por debaixo de 5 euros a caixa de menor tamaño e de 7 euros a de maior tamaño".

Barcos do cerco con pancartas reivindicativas © Acerga
Protesta de mariñeiros do cerco en Vigo CC-BY-SA Gzvideos.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.