O alcalde da Guarda, do PP, cobrou 3.800 euros de máis da Deputación de Pontevedra e atribúeo a "un erro"

Roberto Roberto Álvarez Carrero, alcalde da Guarda e deputado provincial do PP © Deputación de Pontevedra

O popular devolve os cartos que ingresou durante varios meses por asistencia aos plenos da Deputación malia que tamén conta cun soldo de deputado con dedicación exclusiva que o fai incompatible

O alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, tamén deputado provincial do PP, admitiu este mércores que durante varios meses ingresou un total de 3.800 euros por asistencia a plenos e comisións da Deputación de Pontevedra que non lle correspondían porque xa conta cun soldo provincial por dedicación exclusiva. O popular devolveu os cartos pero o PSdeG, que denunciou o caso, pide responsabilidades políticas tanto a Álvarez Carrero como ao deputado responsable de Persoal da Deputación de Pontevedra, o tamén alcalde de Baiona e ex-conselleiro Jesús Vázquez Almuiña. 

Ingresos do deputado Roberto Álvarez Carrero segundo a Deputación de Pontevedra © Deputación de Pontevedra

Álvarez Carrero obtivo o pasado maio a alcaldía da Guarda, antes en mans dos socialistas, e foi tamén elixido polo seu partido para un escano na Deputación de Pontevedra, igualmente recuperada polos populares tras os comicios municipais. Nesa institución provincial Álvarez Carrero é o responsable de Cooperación Transfronteiriza e Relacións institucionais e cobra unha dedicación exclusiva parcial do 79%, o que non permite que cobre tamén as compensacións que a Deputación paga por asistencia a plenos ou comisións aos deputados sen ese tipo de remuneración. 

Pero segundo denunciou o PSdeG e admitiu o propio implicado, no seu caso si que foron abonadas as asistencias a plenos, o que o popular atribúe a un "erro" que xa o levou a devolver o ingresado indebidamente. "Non houbo en ningún caso mala fe", di. 

Porén, os socialistas reclaman "responsabilidades políticas" tanto do rexedor da Guarda como do deputado responsable Persoal, Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona e ex-conselleiro de Sanidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.