O Consello Asesor do Museo de Pontevedra dimite ao completo tras a remuda do director por motivacións "de orde partidista"

Integrantes do Consello Asesor do Museo de Pontevedra © Deputación de Pontevedra

María Dolores Dopico Aneiros, Beatriz Comendador Rey, Ramón Rozas Domínguez, Carmen Lamas Pérez, Xaime Domínguez Toxo, María Teresa Táboas Veleiro e Joaquín Martínez Silva queren amosar deste xeito a súa "disconformidade" polas "decisións que de forma unilateral se teñen tomado dende a Deputación"

O pasado 20 de setembro a Deputación de Pontevedra anunciou o nomeamento de Ángeles Tilve Jar como directora do Museo de Pontevedra, en substitución de José Manuel Rey, que chegara ao posto en 2019 tras un concurso convocado polo ente provincial. Tratábase dunha das primeiras grandes decisións en materia cultural dende o cambio de cor política na Deputación, agora presidida polo popular  Luís Lopez.

Tilve, historiadora da arte, leva máis de tres décadas vencellada á institución cultural como conservadora de fondos xerais e responsable da súa área de coleccións e converteuse deste xeito na primeira muller que accede á dirección do Museo. Porén, o seu nomeamento -sobre todo a forma en que se produciu- foi recibido dende o primeiro momento con duras críticas por parte de PSdeG e BNG.

Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra © Deputación de Pontevedra

"Non nos parece apropiado que se nos trate como convidados de pedra e parecer cómplices desta toma de decisións que son, en todo caso, de orde partidista pero que non responden a ningún parámetro de orde técnica", indican no seu escrito de dimisión

Agora, os sete integrantes do Consello Asesor do Museo veñen de anunciar a súa dimisión, presentada no rexistro da Deputación na mañá deste xoves. María Dolores Dopico Aneiros, Beatriz Comendador Rey, Ramón Rozas Domínguez, Carmen Lamas Pérez, Xaime Domínguez Toxo, María Teresa Táboas Veleiro e Joaquín Martínez Silva queren amosar deste xeito a súa "disconformidade" polas "decisións que de forma unilateral se teñen tomado dende a Deputación de Pontevedra sobre a dirección do Museo de Pontevedra".

No escrito, sinalan que "esta decisión responde unicamente a motivacións de orde política xa que non poden responder á valoración do traballo realizado pola equipa técnica que vén desenvolvendo un traballo serio, esforzado e rigoroso nestes anos".  E conclúen que "non nos parece apropiado que se nos trate como convidados de pedra e parecer cómplices desta toma de decisións que son, en todo caso, de orde partidista pero que non responden a ningún parámetro de orde técnica".

"Sen entrar a valorar a nova dirección, a forma de escolla fala por si mesmo do cariz das novas liñas de actuación que se configuran no futuro da institución cultural", din

No documento enxalzan o labor desenvolvido polo José Manuel Rey, arqueólogo que en 2019 substituíu a Carlos Valle, que ocupara o posto de director dende 1986. "Neste tempo, e baixo a dirección de José Manuel Rey, foi observable a transformación e apertura do Museo de Pontevedra, en primeiro lugar, xa no proceso de designación desta dirección do Museo, realizada a través dun proceso de selección aberto e coa presentación dun proxecto definido a cinco anos, que se presentou e expuxo facendo partícipe desde ao Consello Asesor dende a súa constitución", din. 

Un dos edificios do Museo de Pontevedra © Xunta

Subliñan a forma en que Rey foi elixido como director, salientando que "os procesos de selección son garantes da posibilidade de establecer unha dirección clara e de avalar o cumprimento de obxectivos". "Vén sendo práctica habitual en todas as institucións máis senlleiras e avanzadas, que os cargos técnicos de dirección de museos sexa un proceso competitivo e non unha designación a dedo", din, e engaden que "sen entrar a valorar a nova dirección, a forma de escolla fala por si mesmo do cariz das novas liñas de actuación que se configuran no futuro da institución cultural". 

No documento enxalzan o labor desenvolvido polo José Manuel Rey, arqueólogo que en 2019 substituíu a Carlos Valle, a través dun proceso de selección aberto

Conclúen que "non podemos comprender que desde a designación do responsable do Museo na configuración do novo goberno da Deputación de Pontevedra, en ningún momento se teña convocado ao Consello Asesor, nin para expoñer as directrices ou, de habelas, as novas liñas de traballo, nin para consultar ao respecto da idoneidade do equipo para desenvolver ese novo plan de ruta".

O Consello Asesor foi constituído en xaneiro de 2020 co obxectivo de "afastar" o Museo Provincial dunha dirección "excesivamente personalista". "Ao longo deste tempo o Consello foi convocado e consultado de forma habitual naquelas decisións de importancia para o futuro da institución museística. Todos os membros tivemos ocasión de debater e conformar un escenario consensuado guiados sempre polo interese común de debuxar o mellor futuro para o Museo de Pontevedra", destacan os xa ex-membros deste órgano.

O Álbum Nós, exposto no Museo de Pontevedra CC-BY-SA Lameiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.